Nova: Entrega do Premio de Novela Manuel García Barros a Manuel Portas

20/11/2015

Entrega do Premio de Novela Manuel García Barros a Manuel Portas

O escritor, sociolingüista e mestre gaña a XXVII edición deste premio literario da Estrada pola súa novela ‘Lourenço, Xograr’

A Estrada (Pontevedra), 20 de novembro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á entrega do XXVII Premio de Novela ‘Manuel García Barros’ a Manuel Portas pola súa obra ‘Lourenço, Xograr’. Celebrado no Teatro Principal da Estrada, o acto contou coa presenza de autoridades e representantes da cultura galega. Ademais dos 9.000 euros cos que está dotado o premio, Portas verá publicada na editorial Galaxia a obra coa que gaña este certame.

O xurado -que estivo composto por Dolores Vilavedra, Armando Requeixo, Carlos Lema, Juan Luís Blanco Valdés e con Carlos Loureiro como secretario- no seu fallo destacou a contribución que a novela de Portas fai divulgación da historia e da literatura medievais de Galicia, a través da figura dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, ‘que constitúe a porta pola que nos asomamos, non só aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época’.

'Lourenço Xograr' convértese na vixésimo sétima novela vencedora do consolidado premio García Barros, e pasa a formar parte da longa listaxe de novelas galardoadas desde 1989, ano no que comezou a camiñar o certame como unha homenaxe ao escritor estradense que dá nome ao premio, máis coñecido co alcume ‘Ken Keirades’.
Case tres décadas despois, o García Barros está consolidado como un dos premios máis asentados do panorama literario galego. O alcalde da Estrada, José López Campos, subliña a ‘boa saúde’ da que goza o galardón e engade que a ‘cultura ten que ocupar un lugar prevalente na política local’.

Para o gañador do certame, Manuel Campos, ‘a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é un personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xorden tanto en Portugal como en Galicia’.

Manuel Portas, vida e obra
Manuel Portas Fernández (Barcelona, 1960) é unha figura polifacética: profesor de Lingua Galega no IES Xelmírez I de Santiago, ademais de sociolingüísta e escritor.
Logo da publicación de ‘Amor con alpargatas’ a comezos de ano, agora é a quenda de ‘Lourenço, Xograr’. Esta obra supón o quinto traballo narrativo do escritor, que publicou a súa primeira novela, ‘Denso recendo a salgado’, en 2010. Nestes cinco anos, Portas publicou tamén ‘Un dedo machado de tinta’ e ‘Faneca brava’.

Manuel García Barros
Manuel García Barros, quen dá o nome a este premio literario, naceu en 1876 en Berres (A Estrada). Logo de estudar Maxisterio en Santiago, en 1906 fundou o xornal ‘El Estradense’ do que tamén foi director. Con posterioridade, comezaría unha das súas producións máis destacadas: a sección ‘Contiños da terra’ no xornal ‘O Emigrado’. ‘Ken Keirades’, alcume co que se coñecía a García Barros, tamén escribiu: ‘Enredos’, ‘Dos meus recordos’, ‘As aventuras de Alberte Quiñói’ e a peza teatral ‘Carta da Habana’. Faleceu en 1972, aos 96 anos de idade.

Comparte