Nova: Os Axóuxeres comeza novembro con teatro, música en directo e brinquedos na Laracha e Noia
01/11/2015
Os Axóuxeres comeza novembro con teatro, música en directo e brinquedos na Laracha e Noia
O programa está a percorrer 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística ata novembro
A entrada é de balde e cómpre reserva previa telefónica no teléfono 697 363 089 desde unha semana antes de cada función
O martes abren as inscricións para as funcións da vindeira fin de semana nos concellos da Estrada, Lalín, O Carballiño e O Porriño
Santiago, 1 de novembro de 2015.- A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, que ten como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos, segue adiante a súa xira 2015 con grande acollida de público.
Logo da función de antonte venres en Vilagarcía de Arousa, hoxe domingo é a quenda da Laracha (ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal) e mañá luns será a de Noia (18:30 horas, no Coliseo Noela -novo espazo, que substitúe á Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos-).
As seguintes funcións acolleranas os concellos do Carballiño (venres 6, ás 17:00 horas, no Auditorio Municipal), A Estrada (sábado 7, programa dobre: 17:00 e 18:30 horas, no Teatro Principal), O Porriño (domingo 8, ás 12:00 horas, no Centro Recreativo Cultural) e Lalín (domingo 8, ás 18:30 horas, no Pazo de Liñares). Pasadomañá, martes, abrirase a inscrición previa telefónica no número 697 363 089, na que as familias poden anotar os seus bebés e nenos/as de 0 a 6 anos cun acompañante adulto. Coma sempre, a entrada é de balde ata completar a capacidade das salas.
'Os Axóuxeres’ é unha proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que chega á súa sétima edición ofrecéndolles ás familias con cativos de 0 a 6 anos espazos de lecer en galego e tamén materiais para continuar xogando e cantando ao remate do espectáculo. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasallará a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores pódense descargar de balde en http://ir.gl/1febfb.
O peixiño de Mariña
Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar, é a protagonista desta historia e quen un día de praia decide que ese peixiño que apañou vai ser o seu mellor compañeiro de cuarto do mundo: "sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!". Xa na casa, o animaliño cada vez está máis triste... Será o seu amigo Muriel quen tente convencer a rapaza para que o ceibe: "os peixes do mar teñen que ficar no mar".
Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón: o mar ofrécelle ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz, aínda que tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día... e para o peixiño de Mariña non vai haber excepción. Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para sentir de preto valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.
A festa da música, dos xogos e das palabras
‘Os Axóuxeres’ é a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á xente miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. ‘Os Axóuxeres’ coida dun xeito especial a calidade da montaxe cunha estética dinámica e actual, e maila acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias cheas de tenrura e diversión.
Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro (directores da compañía Elefante Elegante) interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.
Unha xira por 26 puntos de Galicia
Esta nova edición de 'Os Axóuxeres' está a chega, desde a pasada fin de semana, a 26 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia: A Coruña, A Estrada, A Laracha, Ames, Arteixo, Boiro, Cangas, Fene, Ferrol, Foz, Lalín, Moaña, Mondoñedo, Noia, O Carballiño, Oleiros, O Porriño, Ourense, Redondela, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia.
O calendario completo da actividade pódese consultar no web institucional http://ir.gl/1febfb e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.