Nova: Un total de 109 concellos galegos benefícianse das axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas

26/10/2015

Un total de 109 concellos galegos benefícianse das axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas

A través da subvención plurianual de 2015 e 2016, Cultura destina máis de 176.000 euros á adquisición de fondos bibliográficos para reforzar a calidade dos servizos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Santiago de Compostela.- Un total de 109 municipios de toda Galicia beneficiáronse da liña de axudas convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais nas anualidades de 2015 e 2016.

Segundo establece a resolución desta subvención plurianual, publicada hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, a Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 176.419,72 euros para a adquisición de fondos bibliográficos en centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Deste importe, as adxudicacións das axudas foron de 554,77 euros para nove concellos, de 1.109,5 euros para 30 municipios, de 1.664,34 euros para 39 das localidades beneficiarias, de 2.219,11 euros para 23 concellos e de 2.773,9 euros para os oito municipios restantes.

Adquisición de novos fondos
A través destas axudas, as bibliotecas e axencias municipais poderán adquirir monografías, tanto libro infantil e xuvenil como para adultos; material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD e Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico. Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

Concellos beneficiarios
Os concellos beneficiarios da liña de axudas de 2015 e 2016 son Abegondo, Alfoz, Ames, Antas de Ulla, Aranga, Avión, Baiona, Barbadás, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Bóveda, Brión, Bueu, Burela, Cabana de Bergantiños, Caldas de Reis, Camariñas, Cambados, Cambre, Cangas, A Cañiza, O Carballiño, Cariño, Carnota, Carral, Castro de Rei, Cedeira, Cee, Celanova, Cerceda, Chantada, Coirós, Corcubión, Covelo, Culleredo, Cuntis, Dodro, Fene, A Fonsagrada, Foz, O Grove, Irixoa, Láncara, A Laracha, Laxe, Leiro, Lourenzá, Marín, Meis, Melide, Mesía, Miño, Moaña, Mondariz-Balneario, Monterroso, Mos, Mugardos, Muros, Neda, Nigrán, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Padrón, Paradela, Pazos de Borbén, O Pereiro de Aguiar, A Pobra do Caramiñal, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Ponteceso, Pontecesures, As Pontes de García Rodríguez, Quiroga, Redondela, Rianxo, Ribadavia, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Rodeiro, Rois, O Rosal, Sada, Salceda de Caselas, San Cibrao das Viñas, San Sadurniño, Santa Comba, Sarria, O Saviñao, Sober, Soutomaior, Toques, Trazo, O Valadouro, Valga, Verín, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilalba, Vimianzo, Xermade, Xove e Xunqueira de Ambía.

Mellorar os servizos bibliotecarios
Desde o ano 2014, a Secretaría Xeral de Cultura promove a mellora das coleccións bibliográficas a través dunha convocatoria de subvención plurianual destinada aos concellos de Galicia titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia cunha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, da que na pasada convocatoria se beneficiaron 98 concellos.

O principal obxectivo desta liña de subvencións é ampliar e renovar os fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, mediante a adquisición de novidades bibliográficas, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, atender as demandas dos usuarios e usuarias.

Con este mesmo fin, a Secretaría Xeral de Cultura vén promovendo diversas actuacións, como a adquisición de novidades bibliográficas para as coleccións das bibliotecas centrais territoriais dependentes da Consellería de Cultura e Educación, e a adquisición de lotes fundacionais das bibliotecas públicas de nova creación. Ademais, a través da plataforma en liña GaliciaLe para o préstamo de libro electrónico, a Rede de Bibliotecas de Galicia poñen ao dispor dos seus usuarios e usuarias preto de 1.500 títulos en múltiples formatos (audiolibros, libros electrónicos, álbums ilustrados e libros interactivos), de temática diversa e dirixida a distintas franxas de idade, con especial atención ao público infantil.

Comparte