Nova: Cultura no Camiño entra no seu último mes de actividade con 41 actuacións en 25 localidades

28/08/2015

Cultura no Camiño entra no seu último mes de actividade con 41 actuacións en 25 localidades

Vénse desenvolvendo desde mediados de abril en colaboración cos 93 concellos asociados

Un total de 183 formacións artísticas galegas están a participar nesta iniciativa

  • O espectáculo de Titiricircus de Tanxarina forma parte da programación de Cultura no Camiño O espectáculo de Titiricircus de Tanxarina forma parte da programación de Cultura no Camiño

Santiago, 28 de agosto de 2015.- O ciclo Cultura no Camiño entrará este mes de setembro na recta final da súa actividade cunha última carteleira que levará 41 actuacións de teatro, música, maxia e novo circo a 25 localidades situadas nas diferentes rutas xacobeas. Concluirá así a terceira edición deste programa, que a Xunta de Galicia vén promovendo desde mediados do mes de abril no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e Turismo de Galicia organizaron esta axenda cultural e de lecer, para a que contaron coa colaboración dun total de 93 concellos asociados e co patrocinio de Gadis. Do mesmo xeito que nas súas anteriores edicións, a iniciativa mantén un dobre obxectivo: contribuír á descentralización da oferta cultural e ampliar as posibilidades de distribución dos espectáculos escénicos e musicais producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.

Neste sentido, a carteleira desta terceira entrega do ciclo está configurada polas propostas de 138 formacións artísticas que, ao finalizar setembro, terán ofrecido un total de 316 funcións (138 representacións escénicas, 80 actuacións musicais, 55 de maxia e 43 de novo circo).

Carteleira de setembro
No seu último mes de actividade, Cultura no Camiño continuará discorrendo polas catro provincias con citas previstas en 10 concellos da Coruña (A Coruña, Abegondo, Boiro, Carral, Dumbría, Fisterra, Neda, Negreira, Oroso e Pontecesures), sete de Lugo (A Fonsagrada, Abadín, Lugo, Portomarín, Sarria, Sober e Vilalba), tres de Ourense (Coles, O Barco de Valdeorras e San Cibrao das Viñas) e cinco de Pontevedra (Meaño, Mos, O Rosal, Rodeiro e Tui).

Esta carteleira de setembro dará comezo na localidade de Sigüeiro, en Oroso, onde a partir do martes 1 terán lugar tres actuacións especialmente pensadas para o público infantil e familiar: 'As mil e unha noites', de Ghazafelhos (día 1); 'Un tonto no aire', espectáculo acrobático de Circo Expreso-Desastronauts (día 2); e 'O fabuloso mundo do mago Romarís' (día 3).

Público infantil
As actividades para os espectadores máis novos están a ter, de feito, un gran protagonismo na programación. Así, nesa primeira semana de setembro haberá tamén outras cinco propostas para toda a familia: 'Petit Cabaret Pistacatro' e 'Verán máxico, os días 2 e 3 en Vilalba; 'Maxia en familia', do Mago Marco, o día 5 na Coruña; o concerto de Pitusa Semifusa, o día 5 en Sarria; e 'Titiricircus' de Tanxarina, o día 6 en Carral.

En Cultura no Camiño, que se desenvolve como complemento e reforzo da oferta habitual dos concellos participantes, hai tamén cabida para montaxes dirixidas ao público adulto, de xeito que reúne unha destacada escolma da actual produción escénica e musical de Galicia. No arranque deste último mes de funcións ao abeiro desta iniciativa, contarase, por exemplo, cun 'Pasarrúas 10º aniversario' de Festicultores Troupe en Lugo (día 4), os concertos de Riobó (día 4) e Os d'Abaixo (día 5) en Mos, o espectáculo 'Bibalvos como galegos' de Os Sete Magníficos + 1 en Rodeiro (día 4), o Grupo de Gaitas Viqueiras de Ordes en Abadín (día 5), a montaxe 'Lume' de Asacocirco en Negreira (día 5) e 'Pachaman' de Troula Animación en Portomarín (día 5).

Outros destacados nomes do panorama teatral e musical galego como Baobab Teatro, Caramuxo Teatro, Isabel Risco, Mofa & Befa, Serxio Pazos, Talía Teatro, Xarope Tulú, Cé Orquestra Pantasma, Radio Cos ou Xoán Curiel actuarán tamén na recta final de 'Cultura no Camiño'.

O calendario completo de representacións e concertos pode consultarse no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.
 

Comparte