Nova: O espectáculo de Os Bolechas chega a Vilagarcía de Arousa da man de FalaRedes 2015

31/07/2015

O espectáculo de Os Bolechas chega a Vilagarcía de Arousa da man de FalaRedes 2015

O Salón García acollerá ás 20:30 horas a última función deste espectáculo de dinamización lingüística ata o mes de setembro

A entrada é de balde ata esgotar a capacidade
 

  • Os Bolechas na máquina do tempo Os Bolechas na máquina do tempo

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015.- Os famosos Bolechas deciden rematar o mes de xullo á beira do mar de Arousa, en Vilagarcía, e fano levándolle ao público máis cativo da bisbarra o seu espectáculo ‘Os Bolechas na máquina do tempo’. Esta aventura, que comezaron no mes de marzo en Ourense e coa que xa levan percorridas 11 localidades galegas, prográmaa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista dirixido, especialmente, á cativada de 4 a 8 anos de idade, pero que supón unha boa dose de entretemento e de diversión en galego para toda a familia.

Nova aventura e concurso
Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, e Tatá -na compaña do fiel canciño Chispa- baten nesta ocasión cun obxecto creado por un científico do máis particular: o doutor Apolodoro. Ese aparello é a abraiante máquina do tempo, que fará que Carlos e Pili viaxen pola historia ata o futuro e se convirtan en adultos. Para poderen regresar á infancia seralles imprescincible hoxe ao serán, ás 20:30 horas no Salón García de Vilagarcía de Arousa, a axuda do público presente.

A actividade de dinamización lingüística retomará a súa xira no ‘FalaRedes’ a partir de setembro, ata completar a viaxe dos Bolechas e da súa nova aventura por 40 localidades da RDL a finais do mes de outubro. As primeiras funcións de setembro acolleranas os concellos de Soutomaior, Carnota e Muros desde a primeira fin de semana. O calendario completo da actividade pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia.

Como peche de xullo, e como vén sendo habitual cada fin de mes no que a familia animada máis coñecida de Galicia está de xira, é o momento para o concurso. Nesta ocasión entrarán en xogo oito lotes de libros con historias protagonizadas por eles, un por cada espectáculo que estes irmáns ofreceron durante o sétimo mes do ano.

Para participar, cómpre entrar en www.osbolechas.com/maquinadotempo/sorteo.html. Ademais, a cativada participante nas funcións pode multiplicar o premio por dous no caso de lembrar a palabra chave que se comunica durante as actuacións.

‘FalaRedes 2015’
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' segue os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorren os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

Máis información sobre "FalaRedes" 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.

Comparte