Nova: A Federación Galega de Bandas de Música Populares recibe axudas para o seu certame e concurso de composición
24/07/2015
A Federación Galega de Bandas de Música Populares recibe axudas para o seu certame e concurso de composición
A Agadic asina un convenio de 70.000 euros e recoñece o labor de formación e divulgación musical realizado por este colectivo
Santiago, 24 de xullo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, e a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) colaborarán durante este ano para impulsar as dúas principais actividades desta entidade, como son o IX Certame Galego de Bandas e o VIII Concurso Galego de Composición.
Así o recolle o convenio que, dotado con 70.000 euros, foi asinado hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, entre o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Federación, Armando Morales. O acordo busca, ademais, apoiar e dar visibilidade ao traballo de formación instrumental e de divulgación musical que realizan en Galicia este tipo de formacións, ao tempo que se lle recoñece ao colectivo o seu labor continuado a prol da cultura musical galega.
Bandas seleccionadas
No IX Certame Galego de Bandas, que se celebrará no Auditorio de Galicia os días 21 e 22 de novembro de 2015, actuarán un máximo de 15 agrupacións de entre o total de bandas de música federadas. Serán divididas en 3 apartados segundo o número de participantes: sección primeira (máis de 71 músicos), sección segunda (de 51 a 70 músicos) e sección terceira (ata 50 músicos).
Do proceso de selección resultaron escollidas para o evento a Banda de Música Municipal de Valga, a Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Música de Vilatuxe, a Banda de Música Xuvenil de Barro, a Banda de Música Municipal de Rábade & Begonte, a Banda de Música Xuvenil de Torroso, a Banda de Música Municipal de Padrón, a Banda de Música do Municipio de Arbo, a Banda de Música 'Lira' de San Miguel de Oia e a Banda de Música Popular de Moaña 'Airiños do Morrazo'.
Repertorio de autoría galega
Coa convocatoria do VIII Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, a FGBMP ten por obxectivo cubrir a escaseza de repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música.
As pezas gañadoras serán estreadas e executadas no Certame do vindeiro ano 2016. De feito, no deste ano serán executadas as vencedoras da convocatoria de 2014: 'Esbozos sinfónicos', de X. Carlos Seráns; 'Noite de defuntos', de Antón Alcalde; e 'Como unha espada', de Manuel María Veiga Lombardía.
O prazo de presentación de obras está aberto ata o 26 de novembro. As composicións deberán ser orixinais e inéditas, versar sobre temática galega ou aludir no seu título a aspectos da cultura galega.
O ditame do xurado darase a coñecer o 22 de novembro, coincidindo co acto de clausura do IX Certame Galego de Bandas, no que se entregarán tamén os diplomas aos compositores premiados.