Nova: Santiago acolle o XI Encontro Galego de Saxofón

21/07/2015

Santiago acolle o XI Encontro Galego de Saxofón

O Conservatorio de Música Profesional de Santiago de Compostela celebrou unha clase colectiva deste curso, que rematará o xoves cun concerto na igrexa da Universidade

Santiago, 21 de xullo de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu á clase colectiva organizada no marco do XI Encontro Galego de Saxofón, na que participaron os alumnos e alumnas dos distintos niveis xunto co profesorado do curso.

Desde o pasado día 18, rapaces e rapazas de entre 9 e 27 anos procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, así como tamén de Asturias, Navarra, País Vasco, Valencia, Sevilla e Francia, participan neste encontro organizado pola Asociación Sax Factory - Factoría Galega do Saxofón, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se desenvolverá ata o vindeiro 23 de xullo no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. A iniciativa rematará cun concerto, no que participarán todos os alumnos e as alumnas, que terá lugar este xoves ás 19 horas na igrexa da Universidade.

Seis profesores e profesoras de recoñecido prestixio internacional como son Marie Bernadette Charrier, Hilomi Sakaguchi, Quino Sáez, Rodrigo Vila, Yuko Mizutani e o santiagués Xabier Casal encárganse de impartir as clases maxistrais da décimo primeira edición do encontro. O alumnado do curso divídese en catro seccións: superior, profesional e elemental, elemental básico e oínte, que lles ofrece a posibilidade de participar a aqueles nenos e nenas que levan pouco tempo estudando o instrumento.

Reforzar a formación específica para saxofonistas e estudantes de saxofón desde o traballo da técnica do instrumento e mais do repertorio dos máis variados estilos axustado ás súas necesidades específicas é o principal obxectivo deste encontro, que está dirixido a estudantes de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia e doutros conservatorios tanto nacionais como internacionais; de grao profesional, elemental e escolas de Múscia da de Galicia e do resto do Estado, así como para profesionais e músicos en xeral.

Comparte