Nova: Obras de restauración da decoración románica da catedral de Ourense

11/06/2015

Obras de restauración da decoración románica da catedral de Ourense

O obxectivo é recuperar o esplendor dun dos elementos máis atractivos para os visitantes deste templo

  • Catedral de Ourense Catedral de Ourense

Santiago, 11 de xuño de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 38.000 euros ás obras de restauración da decoración románica da catedral de San Martiño de Ourense, un dos elementos máis antigos deste templo, dun valor artístico e cultural, así como con máis atractivo para os visitantes. A obra, cuxa licitación publicou o Diario Oficial de Galicia, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A resolución pódese consultar no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150609/AnuncioG0164-030615-0005_gl.html

Cun prazo de execución de 4 meses, os traballos abarcarán a restauración dos canzorros e metopas da cabeceira e dos patios do brazo norte do cruceiro, así como os arquiños de descarga. Así mesmo, quedan incluídos no ámbito de actuación elementos ornamentais como gárgolas, columnas e arcadas cegas. Co fin de comprobar o estado actual das pezas, elaboraranse mapas de estado de conservación, análises e controis de temperatura e humidade. A partir dos seus resultados realizaranse traballos de limpeza, consolidación, eliminación de plantas e outros elementos de biodeterioro, extracción de sales ou pechados de gretas, entre outros. Ademais, reporanse os volumes desprendidos ou fracturados e elaborarase un plan de mantemento e conservación preventiva.

Máis de 1,8 millóns para a Catedral
As actuacións comprometidas e realizadas pola Consellería desde 2009 na Catedral de San Martiño de Ourense suman un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, o que sitúa á Xunta de Galicia como a maior garante da conservación da Catedral de Ourense. Neste sentido cómpre lembrar que se contribuíu á restauración do órgano catedralicio, e que se realizaron obras de restauración das pinturas murais e retablo do muro sur do Nártex, do Pórtico do Paraíso, da pintura do muro norte do nártex, da Capela de San Xoán. Ademais, recentemente rematáronse as obras da segunda fase de reparación das cubertas deste templo da cidade das Burgas.

Así mesmo, o departamento dirixido por Román Rodríguez formalizou xa o contrato das obras de acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos e ten previsto realizar a restauración da Portada Norte e da súa fachada, a reforma xeral do sistema eléctrico – incluída a substitución de luminarias-, e a recuperación das reixas da Capela Maior.

Comparte