Nova: A Xunta amplía o orzamento para intervencións arqueolóxicas de particulares ata os 75.000€
17/11/2026
A Xunta amplía o orzamento para intervencións arqueolóxicas de particulares ata os 75.000€
O Goberno galego incrementa así en 25.000€ a contía inicial destinada a apoiar actuacións en monumentos, conxuntos históricos ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados
Trátase dunha convocatoria coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora cos traballos promovidos por persoas ou entidades neste tipo de bens
Santiago de Compostela, 17 de novembro 2026
A Xunta de Galicia amplía a dotación orzamentaria destinada á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares pasando dos 50.000€ iniciais ata os 75.000€. Trátase dun incremento, publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, contemplado xa na mesma orde da convocatoria sempre que houbera fondos e fora preciso para abranguer coas axudas o número total de solicitudes.
Con esta liña de apoio, que agora se ve ampliada, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa, segundo cumpran cos requisitos solicitados conforme a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aqueles traballos arqueolóxicos autorizados desde o ano 2021 en diante e ata este ano. Neste senso, está dirixida a colaborar con persoas ou entidades que promoven de maneira particular actuacións en monumentos, conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados.
Cómpre ter en conta que se trata de traballos que deben ser desenvolvidos seguindo os proxectos arqueolóxicos presentados, ao tempo que deben cumprir as obrigas establecidas no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
A colaboración da Xunta consiste neste caso nunha partida económica que se percibirá unha soa vez por persoa ou entidade promotora particular e obra. Ademais, as achegas poderán cubrir como máximo o 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co límite de 20.000 euros, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
