Nova: A Xunta aproba a creación do Museo de Ferrol e a súa integración no Sistema Galego de Museos

16/11/2026

A Xunta aproba a creación do Museo de Ferrol e a súa integración no Sistema Galego de Museos

  • O Consello dá luz verde á apertura deste novo equipamento concibido como un espazo de transmisión de coñecemento da realidade histórica da cidade a través das súas representacións artísticas
  • O proxecto está situado no antigo Centro Torrente Ballester, que está sendo restaurado a través dun investimento conxunto co Concello de Ferrol de 512.000€
  • A súa incorporación no sistema galego, eleva a 102 os espazos que forman parte do Sistema galego de centros museísticos

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026.- O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á creación do Museo de Ferrol, xestionado polo Concello no Centro Torrente Ballester e que pasará así a integrarse no Sistema Galego de Centros Museísticos. Trátase dun espazo que inclúe máis de 1.000 pezas de pintura, gravado e debuxos e co que se pretende dar a coñecer a realidade histórica da cidade a través das súas representacións artísticas despois das obras de renovación, restauración e modernización impulsadas xunto co Concello de Ferrol cun investimento conxunto de 512.000€ e que está previsto que rematen o vindeiro mes de decembro.

Para esta creación e incorporación, o Goberno galego valorou a importancia deste equipamento, concibido para contribuír ao fortalecemento da identidade cultural da localidade e que parte dunha narrativa orixinal pola forte vinculación da urbe co mar e a paisaxe, a industria naval, a herdanza militar e a arte, vinculación que caracteriza en moitos casos a inspiración das pezas. Así, búscase poñer en valor o patrimonio pictórico de Ferrol dos séculos XIX e XX, conectando a arte e artistas locais cos movementos globais, coma o romanticismo, o realismo ou as vangardas, e mostrando como se adaptaron ás características da cidade.

O Museo de Ferrol ocupará o que ata agora foi o Centro Cultural Torrente Ballester, situado no antigo Hospital da Caridade, e que acolle catro salas de exposición permanente e tres salas de exposición temporal. Trátase dun centro que comezou a acondicionarse o pasado ano co fin de poñer en marcha un recurso referente na comarca. En concreto, a través dunha colaboración de 250.000€ por parte da Xunta, estase levando a cabo a reparación da cuberta coa reposición de tellas, a recolocación de pezas soltas e a revisión de encontros. Ademais, antes de que remate o ano completarase a substitución da cuberta do patio cunha cubrición acristalada e o pintado das fachadas e a urbanización no lateral noroeste.

En canto á colección actual, cómpre destacar que está composta por máis de 1.000 obras de pintura, gravado e debuxo que inclúe autores ferroláns tan sinalados como Jenaro Pérez Villaamil, Felipe Bello Piñeiro, González Collado ou Tomás Barros. No relativo a oferta cultural, está previsto que se complemente con distintos tipos de actividades como visitas guiadas, combinadas, ciclos de conferencias e obradoiros infantís, así como coa creación dun espazo para artistas e creadores, funcionando como un ágora de conexión para artistas plásticos, escritores e músicos locais.

Tendo en conta a inclusión cultural, ademais de contemplar a accesibilidade física coa implementación de medidas concretas e o traballo con colectivos vulnerables e persoas en risco de exclusión social, incorpóranse tamén experiencias multisensoriais e roteiros axustables con persoal capacitado para asistencia directa e visitas guiadas especializadas, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Deste xeito, tal e como recolle o informe, a creación dun museo permanente representa un fito fundamental para a revitalización cultural e identitaria da cidade. Ao centralizar e dignificar este patrimonio pictórico, Ferrol non só salda unha débeda histórica cos seus creadores locais, senón que diversifica a súa oferta turística e cultural, tradicionalmente ligada ao seu impoñente pasado naval e militar, consolidándose como un foco de atracción artística contemporánea e un motivo de cohesión para toda a cidadanía.

A inclusión do Museo de Ferrol suporá contar en Galicia cunha rede de 102 espazos recoñecidos, entre os que se atopan seis centros de interpretación do patrimonio cultural, 24 coleccións rexistradas —aquelas que compren con criterios museográficos sen chegar reunir os requisitos propios para funcionar como un museo— e 71 museos, completando deste xeito as tres categorías contempladas pola Lei de Museos 7/2021.

Comparte