Nova: A Xunta autoriza a licitación das obras do Teatro Cine Fraga por un importe de preto de 20 M€
16/11/2026
A Xunta autoriza a licitación das obras do Teatro Cine Fraga por un importe de preto de 20 M€
O Consello dá luz verde ao inicio do trámite administrativo para contratar estes traballos que permitirán rematar a actuación iniciada polo arquitecto César Portela, ao que se lle adxudicou a redacción do proxecto e a dirección das novas actuacións
Rueda salienta que o obxectivo é convertelo “nun referente de innovación cultural en todo o noroeste peninsular”
Do total do importe, o 51% é achegado polo Goberno galego, mentres que o 49% resta
A previsión é que as obras se adxudiquen no segundo trimestre do ano 2027, cun prazo de execución aproximado de 22 meses
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026.- O presidente da Xunta, Afonso Rueda, informou de que o Consello autorizou hoxe “a licitación das obras para restauración do Teatro Cine Fraga, en Vigo, por un importe de 19,6 M€”. Deste xeito, iniciaranse os trámites administrativos para contratar estes traballos que permitirán rematar a actuación iniciada polo arquitecto César Portela, a cuxo estudio se lle adxudicou a redacción do proxecto e a dirección das novas actuacións.
Tal e como figura no acordo de contratación avaliado hoxe no Consello, a obra contará cun financiamento plurianual que chegará ata o ano 2029 por parte do Goberno galego e da Deputación de Pontevedra, propietarias ambas as dúas administracións do inmoble, tras ser adquirido no ano 2024 por un importe de 9,3M€. Así, tal e como explicou o presidente, do investimento total para a actuación, “o Goberno galego achegará o 51%, e a Deputación de Pontevedra, o 49%”.
Tras isto, a previsión é que o proceso administrativo remate no segundo trimestre de 2027 e que as obras se poñan en marcha xusto a continuación, cun prazo aproximado de 22 meses. O obxectivo da intervención é darlle continuidade ás xa executadas no proxecto orixinal polo equipo técnico do arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual das mesmas, e a quen, consecuentemente, se lle adxudicou por contrato de exclusividade a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección das novas actuacións.
Rueda saliento que o obxectivo é converter o Teatro Cine Fraga, un edificio con máis de 80 anos de historia, “nun referente de innovación cultural non só de Vigo senón de todo o noroeste peninsular; nun polo cultural de moita envergadura”.
Plan de usos redactado
A rehabilitación respectará a intervención xa realizada segundo o proxecto orixinal para converter este edificio emblemático, de 7.000 metros cadrados, no epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Cómpre lembrar que o Teatro Cine Fraga conta xa cunhas liñas estratéxicas definidas e un plan de usos perfilado con achegas feitas pola cidadanía a través da campaña, presencial e virtual, O mellor espazo busca o mellor contido.
Precisamente, estes contactos evidenciaron que a recuperación deste edificio, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, era unha demanda da cidadanía de Vigo, que trasladou a necesidade de contar cun espazo para unha programación cultural de primeira magnitude, non só para a cidade, senón para toda a Comunidade e o norte de Portugal e da Península.
Consecuentemente, as obras de restauración do Teatro Cine Fraga irán encamiñadas en transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación cultural, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias, propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal.
Cómpre salientar o interese da cidadanía por este inmoble viuse reflectido tanto na alta participación do proceso participativo como nas 200 visitas comentadas abertas ao público, que se realizaron dúas veces por semana desde mediados de outubro de 2025 ata xuño deste mesmo ano e ás que asistiron 3.000 persoas.
