Nova: A Xunta recibe unha misión especial de Icomos para reforzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

15/11/2026

A Xunta recibe unha misión especial de Icomos para reforzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten organizado dous días de traballo con visitas a diferentes puntos clave do territorio das provincias de Lugo e Ourense

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2026

A Xunta de Galicia recibe a partir de mañá unha misión especial de Icomos para abordar conxuntamente axustes técnicos que permitan reforzar a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra de cara a unha nova avaliación por parte da Unesco.

Cómpre lembrar que este apoio especial de Icomos ao proxecto da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga foi tomada o pasado mes de xullo polo Comité de Patrimonio Mundial da Unesco como unha decisión excepcional para darlle asesoramento de cara á presentación da candidatura. A intención é que con este traballo conxunto se poidan achegar informacións adicionais necesarias de cara a volver presentar a proposta coas máximas garantías.

Para este fin, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten organizado con esta delegación especial de Icomos dous días de traballo in situ con visitas a diferentes puntos clave do territorio da Ribeira Sacra. En concreto, percorrerán bens e infraestruturas dos municipios lucenses do Saviñao, Chantada e Carballedo e tamén dos ourensáns de Nogueiras de Ramuín e Parada de Sil.

Deste xeito, o Goberno galego pretende darlles a coñecer a estes técnicos no mesmo territorio os atributos excepcionais e únicos desta paisaxe construída co uso da auga e que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial. Ao tempo, estas dúas xornadas de traballo servirán para perfilar ou ampliar cuestións técnicas na candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga.

Comparte