Nova: O Centro Dramático Galego estrea en Porto ‘Auto da Barca do Inferno’
13/11/2026
O Centro Dramático Galego estrea en Porto ‘Auto da Barca do Inferno’
A unidade teatral da Xunta inicia unha nova etapa de colaboración co Teatro Nacional São João ao abeiro do acordo de cooperación asinado en abril
A proposta revisita o clásico de Gil Vicente e poderá verse na cidade portuguesa ata o 13 de decembro e en Santiago de Compostela os días 16 e 17 de xaneiro
Porto (Portugal), 13 de novembro de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais , Jacobo Sutil, asistiu hoxe no Teatro São João de Porto á estrea de Auto da Barca do Inferno, dirixida pola creadora galega Marta Pazos. A produción do Centro Dramático Galego en coprodución co Teatro Nacional São João abre unha nova etapa de colaboración entre as dúas institucións públicas, que xa compartiron proxectos como Manuela Rey Is In Da House e Frágua de amor.
A montaxe desenvólvese ao abeiro do acordo de cooperación asinado o pasado 17 de abril polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente do Consello de Administración do teatro portugués, Pedro Sobrado. Trátase dun convenio co que se establece un marco estable de colaboración durante catro anos para impulsar proxectos de creación, produción e exhibición teatral, así como iniciativas de formación, mediación e intercambio profesional.
Con esta alianza, a Xunta reforza así os vínculos culturais entre Galicia e o Norte de Portugal e favorece a proxección exterior das artes escénicas galegas. A cooperación abrangue a circulación de espectáculos, a programación recíproca e o intercambio de coñecementos e recursos técnicos.
Teatro, danza e artes visuais
Marta Pazos asina a dirección escénica e a dramaturxia desta revisión do clásico de Gil Vicente, escrito en 1517. A proposta combina teatro, danza e artes visuais nunha lectura colorista e luminosa que recupera a dimensión popular da obra. Conta coa coreografía de Victor Hugo Pontes, a escenografía de F. Ribeiro, o vestiario de Agustín Petronio e a composición musical e sonoplastia de Hugo Torres, cun elenco de doce intérpretes.
Auto da Barca do Inferno permanecerá en cartel no Teatro São João ata o 13 de decembro. O espectáculo, en portugués con subtítulos en inglés e cunha duración aproximada de 90 minutos, incorpora funcións con audiodescrición e interpretación en lingua de signos portuguesa. A representación en Galicia, pola súa banda, terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, os días 16 e 17 de xaneiro de 2027.
