Nova: A Xunta impulsa con 250.000€ nove proxectos de Territorio Cultura en 41 concellos
13/11/2026
A Xunta impulsa con 250.000€ nove proxectos de Territorio Cultura en 41 concellos
— A convocatoria, que apoia iniciativas de creación, mediación e participación cultural no rural, recibiu 95 solicitudes
— As propostas desenvolveranse entre 2026 e 2027 e abranguen o patrimonio biocultural, a memoria mariñeira, o cinema, a danza e o teatro comunitario
A Xunta de Galicia destina 250.000€ a nove proxectos multidisciplinares a través do programa Territorio Cultura, que chegará a un total de 41 concellos entre este ano e o 2027 co obxectivo de ampliar e diversificar a oferta cultural no rural e reforzar os vínculos das comunidades co seu territorio.
Así se recolle da resolución publicada polo Diario Oficial de Galicia despois de que a iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recibira 95 solicitudes nesta edición, 12 máis que na anterior, para levar a cabo proxectos de creación, investigación, mediación, formación e exhibición, coa participación da veciñanza e a atención á memoria, ao patrimonio e ás realidades sociais de cada contorna.
Patrimonio biocultural e creación comunitaria
Ao abeiro desta convocatoria, Outonia S. Coop. Galega Xuvenil recibirá 29.180€ para Laboratorio mutante. Imaxinarios en custodia, unha iniciativa de creación e mediación sobre o patrimonio biocultural do Macizo Central. Desenvolverase en Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, mediante procesos de diagnose participada, formación de axentes e accións coa infancia e coas persoas maiores. Contempla, ademais, colaboracións en Estremadura, Castela e León, Asturias e Cantabria.
A Fundación Uxío Novoneyra contará con 23.700€ para Territorio Novoneyra IV, a cuarta edición dunha programación descentralizada arredor do legado do poeta e da Serra do Courel. As súas nove accións inclúen rutas, a celebración do Festival dos Eidos, escrita en movemento e biblioterapia en Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Becerreá e O Incio, así como presentacións en Zafra e Asturias.
Pola súa banda, Aantena SC desenvolverá Cosendo mareas cunha axuda de 30.000€. O proxecto céntrase na memoria mariñeira da Costa da Morte e nas mulleres do mar a través da investigación, das entrevistas e da creación comunitaria. As actividades en Zas, Cabana de Bergantiños, Laxe, Dumbría e Carnota culminarán nunha mostra final e nunha exposición itinerante.
Danza arquitectura e futuros do territorio
Neodans SC obterá 28.500€ para a segunda edición de Tecedora SóLODOS, que propón 12 actividades en espazos patrimoniais e naturais de Xunqueira de Espadanedo, Nogueira de Ramuín, Melón, Baños de Molgas, Portomarín e Pantón. O programa articúlase arredor da memoria e a tradición, a arte e o patrimonio, a participación e a educación, e a natureza, con propostas que conectan a danza, a poesía, a olaría, a banda deseñada ou a percusión.
A Mostra de Arquitectura Rural e Cultura Obradoira, de César García Piñeiro, recibirá 30.000€ para a súa terceira edición. Baixo o tema Habitar, a iniciativa evoluciona cara a un proceso anual de escoita, investigación, mediación, creación e celebración. A súa actividade estenderase por Vedra, Boqueixón, A Estrada, Culleredo, Navia de Suarna e O Saviñao, con colaboracións en Asturias, Castela e León, Cantabria e País Vasco.
Tamén con 30.000€, José Luis Díaz García desenvolverá Devir en Navia de Suarna e Cervantes. Inspirado na alfabetización en futuros da Unesco, este proceso de creación contemporánea explora os futuros posibles dos Ancares mediante encontros, laboratorios e obradoiros, a elaboración dun arquivo de futuros e unha exposición.
Cinema e teatro para a participación e a inclusión
A Asociación Cultural Abella Produccions contará con 20.500€ para Vendaval, terceira edición dunha mostra de cinema de autor galego e portugués en Bóveda, Monforte de Lemos, Sober, Sarria, Chantada, Pantón, O Saviñao e A Pobra de Brollón. A proposta reúne 24 actividades, entre proxeccións mediadas, residencias, encontros culturais, concertos, unha exposición fotográfica e un circuíto escolar.
O Castro Art Village, pola sús parte, recibirá 30.000€ para a segunda edición de Kinoterra initiative, un laboratorio de cinema con base na aldea rehabilitada de Mourelos, no Saviñao, e actividade tamén en Pantón, Bóveda e Taboada. Inclúe unha residencia para a mocidade creadora, obradoiros de alfabetización audiovisual, un laboratorio de mediación sobre xénero, identidade e territorio e unha mostra de curtametraxes con coloquio. O alumnado participará, ademais, na gravación de testemuños das persoas maiores para a súa conservación nun arquivo audiovisual.
Completa a relación Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega, con 28.120€ para Feituría, creando e construíndo cultura. A iniciativa combina obradoiros de teatro comunitario, 11 funcións profesionais e unha mostra final, cunha especial atención á inclusión e á participación de persoas con discapacidade, da infancia e de grupos interxeracionais. O programa terá actividade en Barro, Val do Dubra, Vilar de Santos, Rois, Muras e Cuntis
