Nova: A Xunta e Afundación levan a Vigo a aventura dixital 'Hábitats. Natureza estendida' para ampliar a mirada sobre a importancia da diversidade
06/11/2026
A Xunta e Afundación levan a Vigo a aventura dixital 'Hábitats. Natureza estendida' para ampliar a mirada sobre a importancia da diversidade
López Campos fai fincapé na importancia de “establecer sinerxías con institucións como Afundación para achegar este tipo de propostas culturais a toda a poboación”
‘Hábitats’ emprega tecnoloxías de realidade virtual e aumentada para mergullar ao público nun escenario máxico e interactuar con recreacións de animais e plantas dos cinco continentes
Poderá visitarse na Sede Afundación Vigo do 12 de novembro de 2026 ao 13 de marzo de 2027 e as entradas están xa á venda en Ataquilla.com
Vigo, 6 de novembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o vicepresidente de Afundación, a Obra Social de ABANCA, Santiago Camba Bouzas, presentaron esta mañá a itinerancia da instalación inmersiva Hábitats. Natureza estendida, que abrirá as súas portas na Sede Afundación Vigo o vindeiro día 12 de novembro. López Campos apuntou “a importancia de levar Hábitats a outras localidades de Galicia máis alá da súa instalación orixinal na Cidade da Cultura, para que todas as galegas e galegos poidan vivir esta aventura dixital centrada na biodiversidade do planeta”.
López Campos destacou o éxito desta experiencia inmersiva, que no ano 2023 esgotou as entradas durante os seus tres primeiros meses no Museo Centro Gaiás. “A boa acollida que tivo na Cidade da Cultura levou a apostar pola súa itinerancia noutras cidades. Tras o seu paso pola Coruña, onde tamén rexistrou unha excelente resposta do público, a exposición suma xa case 20.000 visitantes entre ambas cidades e chega agora a Vigo grazas á colaboración entre Afundación e a Xunta”, subliñou.
Polo seu carácter innovador, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude apuntou ás artes dixitais como un dos sectores que a Xunta está a potenciar nas súas accións de apoio á creación contemporánea galega. “Así, esta liña de actuación busca avanzar cara ao primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, que ten previsto iniciar a súa andaina na segunda metade do 2027 no Gaiás”, apuntou.
Pola súa parte, o vicepresidente de Afundación salientou que neste proxecto, Afundación identificou de inmediato a presenza dalgunhas das súas liñas estratéxicas, como son a innovación, a sostibilidade e o progreso das persoas e as sociedades a través da cultura. “Cremos firmemente na necesidade de orientar as novas tecnoloxías cara a proxectos que promovan condutas responsables e comprometidas, como Hábitats. Esta experiencia incide na importancia de protexer non só os animais, senón tamén os ecosistemas nos que viven, unha mensaxe que xa abordamos noutras propostas de Afundación, como a mostra Emocións en perigo, do recoñecido fotógrafo de natureza Tim Flach”.
Empatía e respecto polo medio ambiente
Hábitats. Natureza estendida combina arte e tecnoloxía ao servizo dun relato para todos os públicos que promove a descuberta e a responsabilidade á hora de relacionarnos co medio ambiente. Poñer as lentes de realidade virtual permite viaxar polos cinco continentes, observar de preto e mesmo tocar animais e plantas como axolotes, leoas, corais, acacias, focas, elefantes e ata unha balea en escala real.
Producida pola Cidade da Cultura e deseñada polos irmáns Noela e Carlos Seijo, fundadores do estudo audiovisual galego Maxina, a experiencia recrea os ecosistemas de nove lugares do planeta empregando elementos de realidade virtual e aumentada. Esta tecnoloxía permite, coas lentes postas, ver en todo momento o mundo físico ao redor e moverse de maneira segura polo espazo. Sobre esta realidade física, desprégase unha natureza dixital vibrante que se ilumina desde o interior para mostrarse á vez fermosa e vulnerable e espertar a empatía das persoas visitantes.
Exposicións que viaxan polo territorio
Hábitats. Natureza estendida forma parte dos proxectos itinerantes do Gaiás. Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura quere fornecer de contidos a centros e institucións de toda a Comunidade e doutras partes do Estado. O seu propósito é, por unha banda, favorecer o acceso da cidadanía a propostas culturais de calidade, contribuíndo así á democratización da cultura en todo o territorio, con independencia do lugar de residencia; e, ao mesmo tempo, amosar as expresións da nosa cultura noutras comunidades autónomas e países. De feito, ao longo dos case 15 anos desde a súa posta en marcha, a Fundación Cidade da Cultura levou propostas da creación galega a distintos destinos, salientando cidades como Toquio, Nova Deli, París ou Buenos Aires.
No que vai de ano xa son nove os proxectos que viaxaron a cidades como Madrid e Zamora, mais tamén a localidades galegas como Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Guitiriz, Viveiro e, agora, Vigo.
Neste periplo, Afundación eríxese como unha alianza clave da Cidade da Cultura, que xa acolleu nas súas sedes mostras como Nicolás Muller en Galicia, Outras historias posibles, Hábitats. Natureza estendida ou a serie Cidades no tempo.


