Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a importancia de “achegar o traballo dos museos a toda a cidadanía”

04/11/2026

Anxo M. Lorenzo destaca a importancia de “achegar o traballo dos museos a toda a cidadanía”

A exposición, que pode visitarse ata o 30 de decembro, convida aos visitantes a coñecer a viaxe desde que unha peza chega ao equipamento cultural ata que é mostrada ou instalada nas reservas

Ourense, 4 de novembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra Novos Ingresos no MAPOU: Dentro do museo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Alí destacou a importancia de “achegar o traballo dos museos a toda a cidadanía, o obxectivo central deste proxecto”.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a iniciativa, que poderá visitarse ata o 30 de decembro, permite coñecer a viaxe desde que unha peza chega ao equipamento cultural ata que é mostrada ou instalada nas reservas, “ensinándonos todo ese traballo entre bastidores, como é o inventario, a catalogación, ou a documentación gráfica, entre moitos outros”.

Deste xeito, M. Lorenzo gabou o papel desta mostra, formada por 41 elementos, para “indicarnos que cada novo ingreso pode cambiar significados e sinalar aos museos como un lugar de preguntas que non se deteñen a través das cales podemos construír e conservar a nosa historia e patrimonio”. Entre as pezas da exposición atópanse elementos romanos coma unha fíbula ou un anel, pinturas, louza, tallas relixiosas, un machado prehistórico ou unha xerra medieval.  

Novos ingresos no MAPOU: Dentro do museo enmárcase dentro do programa da Xunta As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, que conta neste ano con máis de 70 mostras en 18 equipamentos clave a nivel cultural e artístico e que configura a aposta continuada do Goberno galego polo acceso á cultura, a formación da cidadanía e a difusión da creación galega.

Comparte