Nova: Ángel Miramontes destaca a “implicación cos valores do camiño fóra de Galicia” nos Premios Elías Valiña
04/11/2026
Ángel Miramontes destaca a “implicación cos valores do camiño fóra de Galicia” nos Premios Elías Valiña
O recoñecemento correspondente a 2025 recaeu na Confraternidade Saint James de Croacia, ademais dunha mención especial para a lituana Laima Liucija Andrikienè,
A convocatoria está dotada con 15.000€ e distingue o labor de protección e difusión dun ben patrimonial como son as Rutas Xacobeas
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, destacou hoxe na entrega dos XXVI Premios Elías Valiña “o esforzo e implicación de entidades e persoas por preservar os valores do Camiño máis alá de Galicia”. Referiuse así ao traballo da Confraternidade Saint James de Croacia, que recibiu o recoñecemento correspondente a 2025, e á que fora eurodeputada, a lituana Laima Liucija Andrikienè, distinguida cunha mención especial.
Neste senso, durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este galardón “porque enxalza o labor de protección e difusión das rutas xacobeas por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, contribuíndo a preservar e divulgar un ben patrimonial que trascende o noso territorio”.
O responsable de Patrimonio Cultural felicitou aos premiados nesta edición, salientando no caso da Confraternidade Saint James, que foi a precursora do Camiño Croacia, un proxecto de revitalización das rutas de peregrinación medievais desde este país a Santiago de Compostela. Na actualidade, contan xa con máis de 2.387 quilómetros sinalizados desta vía e está comprometida co desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago en toda Europa.
Pola súa banda, Laima Liucija Andrikienè obtivo unha mención especial distinguíndoa como unha das fundadoras do Camiño de Santiago en Lituania que, neste intre, inclúe catro rutas de peregrinación recoñecidas internacionalmente, na que foi decisivo o seu papel de impulso, sobre todo como eurodeputada no Parlamento Europeo.
O galardón, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dotado con 15.000€ dirixidos a proxectos que entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea. Cómpre lembrar que o premio leva o nome de Elías Valiña Sampedro, párroco do Cebreiro, figura clave na recuperación do roteiro xacobeo e impulsor das emblemáticas frechas amarelas. Como estudoso do Camiño, deixou obras de referencia como O Camiño de Santiago: estudo histórico-xurídico (1971) e promoveu o primeiro Boletín do Camiño de Santiago.
