Nova: A Xunta renova a súa colaboración co Festival Breason de Mondoñedo, que se celebra este sábado
04/11/2026
A Xunta renova a súa colaboración co Festival Breason de Mondoñedo, que se celebra este sábado
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do programa, que contará con varios concertos como os de Mercedes Peón e ünder & Diego Flâneur, xunto cunha ampla proposta de actividades para todos os públicos
Mondoñedo (Lugo), 4 de novembro de 2026
A Xunta renova a súa colaboración co Festival Breason de Mondoñedo, que se celebra este sábado – 7 de novembro - impulsado pola asociación Xoldra.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da nova edición xunto con membros da organización e representantes do Concello. A proposta de música en directo compleméntase cun amplo programa de actividades pensadas para todos os públicos.
A Praza da Catedral será o escenario das actuacións e concertos, que comezarán ás 13,30 horas con Familia Caamagno seguida da Duendeneta; e continuarán pola noite – a partir das 21,00 horas - con Mercedes Peón, ünder & Diego Flâneur, Las Petunias e Sedientos de Cumbia.
Ademais, a Praza do Concello acollerá ás 18,30 un magosto e foliada, que estarán animados por Meniñ@s da Mariña, Os Carricantos e un espectáculo de maxia de Aris Villarino. Ao longo da xornada haberá outras actividades complementarias, como catas e degustacións gastronómicas, roteiros e obradoiros de serigrafía e olaría no barrio dos Muíños.
Villares explicou que a Xunta apoia a programación a través da convocatoria de axudas do programa O Teu Xacobeo 2026, que busca implicar a toda a sociedade galega na promoción de actividades de dinamización vinculadas ao Camiño de Santiago, con protagonistas locais e repartidas por todo o territorio.

