Nova: López Campos destaca o filme ‘Buen Camino’ como exemplo da repercusión das axudas a rodaxes da Xunta “sobre todo de cara ao Xacobeo”

03/11/2026

López Campos destaca o filme ‘Buen Camino’ como exemplo da repercusión das axudas a rodaxes da Xunta “sobre todo de cara ao Xacobeo”

Incide no “acompañamento do Goberno galego no crecemento do sector audiovisual” que para esta liña de apoio incluirá 2M€ nos orzamentos de 2027

Resalta a importancia “dunha produción que volve poñer no cinema o Camiño, unha xoia do noso patrimonio”

O filme, no que participa a galega Zircozine e que adapta a exitosa versión italiana desta cinta ten prevista a súa estrea para 2027

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acudiu hoxe na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, a unha das xornadas de gravación da película Buen Camino, que se está filmando en Galicia grazas ao apoio do Goberno galego, que destina 151.245€ ao abeiro da liña de axudas a rodaxes.

Trátase, puntualizou o representante da Xunta, dun apoio que “nos últimos anos está a acompañar o crecemento do sector audiovisual convertendo o noso territorio nun gran atractivo para filmacións, coa grande repercusión que isto ten a moi diferentes niveis e máis de cara ao Ano Xacobeo” xa que chegará ás pantallas en pleno 2027. Neste senso, lembrou o éxito desta cinta o ano pasado en Italia e que agora se adapta en España da man da directora Susan Béjar.

Nesta liña, o responsable autonómico de Cultura resaltou, tal e como fixo a semana pasada no Parlamento, que o audiovisual “segue a ser unha das grandes apostas culturais no marco dos orzamentos de 2027”, dotando concretamente o fondo de atracción de rodaxes con 2M€. Unha proposta da que forma parte a produtora galega Zircozine para desenvolver un proxecto, destacou o conselleiro, “que nos convida a vivir unha historia ambientada nos lugares do Camiño, volvendo destacar no cinema esta xoia do noso patrimonio”.

Durante a visita, López Campos puido coñecer xunto coa directora e o seu equipo, a unha produción que combina o humor e os conflitos familiares na historia dun pai e unha filla adolescente que apenas se coñecen e que discorre entre albergues, camiñadas e encontros inesperados. A película está protagonizada por Jordi Sánchez (Odio el verano, Bajo el mismo techo), Venecia Franco (Desmontando a Lucía, Cerrar los ojos), Marta Aledo (4 estrellas, Cara a cara), Joaquín Reyes (Sin cobertura, Cuerpo de élite) e Cristina Castaño (Desposados, Lo dejo cuando quiera).

Buen Camino é unha coprodución de AF México con El Pasado Films AIE, en asociación con Sony Pictures Entertainment Iberia, Emedia Canary, Match Point e Zircozine, e a participación de Movistar Plus.

Comparte