Nova: A Xunta dedica a carteleira da Filmoteca de Galicia de novembro ao guionista Rafael Azcona, ao cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a James Benning
03/11/2026
A Xunta dedica a carteleira da Filmoteca de Galicia de novembro ao guionista Rafael Azcona, ao cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a James Benning
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemora na cinemateca pública o centenario do nacemento de Azcona cunha escolma dos directores cos que traballou
Unha nova colaboración coa Fundación Japón trae á Coruña o cinema de Keisuke Kinoshita nunha retrospectiva que se estenderá ata decembro
James Benning, un dos máis prestixiosos nomes do cinema experimental, visitará a Sala José Sellier para presentar e falar co público arredor dos seus últimos filmes
A Coruña, 3 de novembro de 2026
A Xunta de Galicia pon o foco da carteleira da Filmoteca de Galicia para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas.
Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes, por exemplo, poderá verse na cinemateca da Xunta El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Fernando Trueba.
Tamén neste mes de novembro dá comezo un novo ciclo dedicado ao cinema nipón a través da colaboración coa Fundación Japón, que neste caso se centra no realizador Keisuke Kinoshita baixo o subtítulo Unha ollada desde a emoción, en referencia á empatía cara ás persoas vulnerables que transmitiu a través da súa obra. Recoñecido como un dos nomes máis destacados da chamada segunda idade de ouro do cine xaponés, porén a súa filmografía non recibiu a consideración internacional que si ten no seu país.
Na Sala José Sellier poderán verse ata o 22 de decembro oito das súas obras máis relevantes, comezando o 18 de novembro cun dos seus títulos máis coñecidos, La balada de Narayama, estreada en 1958 e que 25 anos máis tarde tivo unha nova versión da man de Shohei Imamura.
Ademais, os días 19 e 20 deste mes o público da Filmoteca de Galicia terá a oportunidade de se volver atopar co cineasta estadounidense James Benning, un dos máis prestixiosos nomes do panorama experimental e famoso polos seus longos planos paisaxísticos e a súa concepción estruturalista. Esta será a terceira ocasión na que o norteamericano visite a cinemateca galega, desta volta grazas á colaboración co Festival Internacional de Cine de Xixón e coa Filmoteca Española. Benning presentará na Coruña as súas últimas películas: Eight Bridges, estreada na última edición do Festival de Cine de Berlín, e Little Boy, arredor das que manterá cadanseu coloquio cos espectadores que se acheguen a velas á Sala José Sellier.
Colaboración con Amigos de la Ópera
A Filmoteca volve acoller dúas colaboracións xa habituais na súa programación de outono. A primeira delas, coa Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña, inclúe as proxeccións de El káiser de la Atlántida, de Sebastián Alfie, o día 5; Dogville, de Lars von Trier, o día 12, e La cinta blanca, de Michael Haneke, o día 26. A segunda, co festival coruñés Cormorán Film Fest, que ten unha das súas sedes na Sala José Sellier, onde programará oito sesións nestas dúas primeiras semanas do mes.
A carteleira de novembro complétase con novas entregas da sección Fóra de Serie, que trae á Coruña as películas Las corrientes, de Milagros Mumenthaler; Un poeta, de Simón Mesa Soto; a versión integral de La risa y la navaja, de Pedro Pinho; The Devils, de Ken Russell, e Una película de miedo, de Sergio Oksman. Así mesmo, retómase Filmoteca Jr. co clásico de Buster Keaton El maquinista de la general, mentres que unha nova entrega de Off Galicia presentará unha escolma de curtas das distintas edicións do festival Norte Cine Diverso.
Xa na última semana do mes, o documental Feelings Are Facts: The Life of Yvonne Rainer servirá de punto de partida para o desenvolvemento en decembro dun ciclo dedicado á cineasta e coreógrafa norteamericana Yvonne Rainer, mentres que as dúas sesións do programa Os límites do meu corpo son o horizonte, comisariado pola artista Isabel María, pecharán a programación de novembro os días 27 e 28.
