Nova: Culturgal reunirá as industrias culturais galegas co apoio da Xunta
03/11/2026
Culturgal reunirá as industrias culturais galegas co apoio da Xunta
O Goberno galego mantén a súa colaboración cunha cita de referencia para o sector coa que colabora estreitamente desde os inicios e á que este ano achega 90.000€
A programación recolle tres días de actividade ao redor da música, as artes escénicas, o audiovisual e o libro, con propostas para públicos de distintas idades
Pontevedra, 3 de novembro de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da 19ª edición de Culturgal, que reunirá do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra a empresas, profesionais e público xeral ao redor da cultura galega nunha feira que conta cunha achega de 90.000€ por parte da Xunta de Galicia.
Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o importe de 2025 para esta cita e continúa a ser a principal entidade colaboradora deste encontro, ao que apoio desde os inicios. Nesta liña, consolídase o compromiso cunha feira que ofrece ás empresas e profesionais un espazo para presentar o seu traballo, establecer contactos e achegar as súas propostas á cidadanía.
Dirixida por Camilo Franco por cuarto ano consecutivo, Culturgal combinará música e artes escénicas, presentacións de proxectos, proxeccións audiovisuais, encontros profesionais e obradoiros. Incluirá propostas para o público familiar e infantil e unha zona de exposición e venda de produtos e servizos culturais.
A actividade estenderase tamén a Ribeira grazas a Culturgal Expandido, unha iniciativa creada en 2023 para achegar a programación a outros puntos de Galicia nas semanas previas á feira de Pontevedra.
