Nova: Unha instalación artística inédita de Marta Pazos acollerá no Gaiás a exposición 'Ser Noutras. Diálogos coa colección do Museo Reina Sofía"
25/10/2026
Unha instalación artística inédita de Marta Pazos acollerá no Gaiás a exposición 'Ser Noutras. Diálogos coa colección do Museo Reina Sofía"
Pazos inspírase no imaxinario de Maruja Mallo para crear un gran ‘teatro visual’ que se erixe como o propio escenario no que transcorre a mostra
'Ser Noutras’ establece un diálogo entre artistas galegos pertencentes á colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e outros creadores contemporáneos que realizan 15 obras e instalacións de xeito específico para este proxecto
Comisariada por Verónica Santos e Chus Martínez, a mostra abre as súas portas o vindeiro venres 30 de outubro de 2026
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2026
A exposición do Museo Centro Gaiás Ser Noutras exhibirá unha instalación espacial inédita, asinada pola artista visual, directora de escena, dramaturga e escenógrafa Marta Pazos, e concibida como o escenario que acolle todas as obras que a compoñen. A mostra, que abre as portas na Cidade da Cultura o vindeiro venres 30 de outubro, artéllase a través de 18 diálogos entre artistas galegos da colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e outras creadoras contemporáneas que están a realizar ata 15 obras e instalacións de xeito específico para este proxecto.
Dentro deste discurso expositivo coral, Marta Pazos dialoga co universo da pintora surrealista Maruja Mallo —quen o pasado ano foi precisamente obxecto dunha exposición monográfica no Reina Sofía en Madrid— para crear Maruja, un gran “teatro visual” que se erixe como o propio escenario no que transcorre esta exposición.
Recoñecida como unha das creadoras máis innovadoras do panorama escénico europeo actual, a artista concibe a súa peza como un “gran xoieiro” adaptado á escala da arquitectura interior de Peter Eisenman, xogando á vez con seccións orgánicas e xeométricas. Na obra adquiren destacado protagonismo tanto o imaxinario inconfundible de Maruja Mallo —o seu deseño do corpo da muller, as formas orgánicas vexetais, as cunchas, o aparato reprodutor femenino...— como tamén a cor, unha das señas de identidade de Marta Pazos, que escolle para a peza un “granate teatro” con acabado de veludo.
Exposición en colaboración co Museo Reina Sofía
Ser Noutras concíbese desde un relato colectivo, vivo e interxeracional. Con motivo da exposición, a Cidade da Cultura convidou a 18 creadores e creadoras do panorama artístico actual a establecer un diálogo coas grandes figuras da arte galega presentes na colección do Museo Reina Sofía, ben a partir dunha peza xa existente, ben propoñendo unha obra orixinal realizada de xeito específico para este proxecto.
Neste relato coral, a creación artística conecta nomes e traxectorias como as de Arturo Souto e Chelo Matesanz; Julia Minguillón e Mar Caldas; Francisco Leiro e Pablo Barreiro; Berta Cáccamo e Julia Huete; ou José María de Labra e Mar Vicente, entre outros moitos. A exposición reforza así o papel do Museo Centro Gaiás como plataforma para a investigación e a creación galega, sempre en relación co contexto estatal e internacional.
Ser Noutras está comisariada pola directora de Acción Cultural do Gaiás, a historiadora da arte e comisaria Verónica Santos, e pola xestora cultural, historiadora da arte e directora da Fundación Camilo José Cela, Chus Martínez. Poderá visitarse na Cidade da Cultura desde o 30 de outubro de 2026 ata o 28 de marzo de 2027.


