Nova: A Xunta suma preto de 400 participantes na primeira edición da Rede Galega de Oficios Vivos

24/10/2026

A Xunta suma preto de 400 participantes na primeira edición da Rede Galega de Oficios Vivos

López Campos celebrou a boa acollida desta iniciativa pioneira de voluntariado interxeracional que percorreu 25 concellos desde o pasado mes de xullo

O obxectivo deste programa é poñer en valor o coñecemento das persoas maiores de 55 anos co fin de facilitar a conservación dos traballos tradicionais e dinamizar o rural

A programación incluíu a participación de persoas expertas en diferentes oficios como a artesanía, a oleiría, a redeiría ou o deseño e creación de pezas elaboradas con pel de curtido vexetal

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 24 de outubro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe en Vilanova de Arousa a xornada impartida pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao ao abeiro da Rede Galega de Oficios Vivos. Fíxoo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, onde celebrou a boa acollida desta iniciativa pioneira que sumou preto de 400 participantes na súa primeira edición.

Neste senso, o representante da Xunta de Galicia, aproveitou a ocasión para agradecer a implicación, dedicación e esforzo de todos os expertos que participaron nesta iniciativa, así como de todas as persoas maiores de 55 anos que decidiron “compartir o seu coñecemento cultural e patrimonial” e contribuír así á preservación dos traballos tradicionais. “Estes oficios son un piar fundamental da nosa cultura e un importante recurso para dinamizar o rural, amosándolle á xente moza todas as oportunidades vitais que poden atopar nestas contornas”, apuntou López Campos.

Tal e como explicou o conselleiro, este programa pioneiro de voluntariado interxeracional leva desde o pasado mes de xullo percorrendo 25 concellos galegos co obxectivo de poñer en valor o coñecemento das persoas de máis de 55 anos. Para iso, artellouse unha programación que incluíu a participación de persoas expertas en diferentes oficios como a artesanía, a oleiría, a redeiría ou o deseño e creación de pezas elaboradas con pel de curtido vexetal.

No caso concreto da xornada de hoxe, os participantes poderán afondar no oficio das redeiras observando o proceso de reparación e elaboración das redes, probando a realizar algunhas das técnicas básicas do oficio e coñecendo os materiais, ferramentas e principais métodos de traballo. Todo isto combinando explicacións con demostracións prácticas e contando ademais cun espazo de conversa e intercambio de experiencias arredor da traxectoria profesional das redeiras, dos cambios experimentados polo sector, dos retos aos que se enfronta na actualidade e do futuro da ocupación e o relevo xeracional.

A Rede Galega de Oficios Vivos rematará mañá a súa primeira edición cunha actividade en San Cibrao das Viñas sobre marmeladas e cosmética natural.

Comparte