Nova: A Xunta leva a experiencia inmersiva de 'Hábitats. Natureza Estendida' a Vigo, no marco das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura

24/10/2026

A Xunta leva a experiencia inmersiva de 'Hábitats. Natureza Estendida' a Vigo, no marco das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura

O proxecto, que se estreou no Museo Centro Gaiás e xa estivo na Coruña, viaxa á cidade olívica a partir do 12 de novembro, resultado da colaboración coa Afundación

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude une arte e tecnoloxía para promover a descuberta da biodiversidade e a responsabilidade na relación co medio ambiente

Vigo, 24 de outubro de 2026

A Xunta e Afundación levarán a Vigo a experiencia inmersiva Hábitats. Natureza Estendida, ao abeiro da programación das exposicións itinerantes da Cidade da Cultura, que ten posibilitado vela previamente na Coruña e no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela. A apertura ao público desta mostra, que une arte e tecnoloxía para promover unha relación responsable co medio ambiente, será o día 12 de novembro, pero as entradas xa se poden conseguir en Ataquilla.com.

O proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recrea os ecosistemas de nove lugares do planeta empregando elementos de realidade virtual e aumentada. Esta tecnoloxía permite, coas lentes postas, ver en todo momento o mundo físico ao redor e moverse de maneira segura polo espazo. Sobre esta realidade, desprégase unha natureza dixital vibrante que se ilumina desde o interior para mostrarse á vez fermosa e vulnerable, e espertar a empatía das persoas visitantes.

Hábitats. Natureza estendida forma parte dos proxectos itinerantes do Gaiás. Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura quere fornecer de contidos a centros e institucións de toda a Comunidade e doutras partes do Estado. O seu propósito é, por unha banda, favorecer o acceso da cidadanía a propostas culturais de calidade, contribuíndo así á democratización da cultura en todo o territorio, con independencia do lugar de residencia; e, ao mesmo tempo, amosar as expresións da nosa cultura noutras comunidades autónomas e países. De feito, ao longo dos case 15 anos desde a súa posta

en marcha, a Fundación Cidade da Cultura levou propostas da creación galega a distintos destinos, salientando cidades como Toquio, Nova Deli, París ou Buenos Aires.

No que vai de ano xa son nove os proxectos que viaxaron a cidades como Madrid e Zamora, mais tamén a localidades galegas como Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Guitiriz,  Viveiro e, agora Vigo. Neste periplo, Afundación eríxese como unha alianza clave da Cidade da Cultura, que xa acolleu nas súas sedes mostras como Nicolás Muller en Galicia, Outras historias posibles ou Hábitats. Natureza estendida.

Comparte