Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a oportunidade de gozar no CGAC “dun referente da fotografía documental e urbana a nivel internacional”
23/10/2026
Anxo M. Lorenzo destaca a oportunidade de gozar no CGAC “dun referente da fotografía documental e urbana a nivel internacional”
Apunta que se trata dun traballo “que vai na liña desenvolvida nos últimos anos no centro ao redor da arquitectura e a interpretación do territorio”
A mostra, que poderá visitarse ata o 7 de febreiro, é resultado dun encargo do propio museo coa intención de incorporalo á súa colección permanente
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da exposición Galicia urbana: un proxecto de Manolo Laguillo, a nova mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea que se poderá visitar ata o vindeiro 7 de febreiro e que afonda no traballo dun “dos referentes da fotografía documental e urbana de España e do panorama europeo actual”.
Durante o acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou a visitar e coñecer o proxecto “dun autor que construíu unha maneira poética de documentar a cidade” e que propón un “ensaio visual sobre o impacto dos elementos construtivos urbanos e dos procesos industriais na transformación da paisaxe galega”. Así mesmo, precisou que a exposición, comisariada polo que foi director do CGAC, Santiago Olmo, trátase dun traballo froito dun encargo do propio centro “coa intención de incorporalo á exposición permanente do museo”.
Galicia urbana: un proxecto de Manolo Laguillo ofrece un percorrido de 500 fotografías que inciden especialmente nos valores expresivos da arquitectura, nas tensións da arquitectura e a ruína, na construción e a destrución, no pasado en proceso de converterse en futuro e nas friccións entre cidade, barrios e periferia urbana, así como entre modernidade e cultura. Trátase de imaxes que se fixan na paisaxe para destacar os valores formais, xeométricos e compositivos dos terreos edificables ou descampados, dos edificios, medianeiras, rúas, tendidos eléctricos ou árbores, e onde a presenza humana é sempre secundaria ou invisible.
Un referente da fotografía documental
Manolo Laguillo (Madrid, 1953) estudou Filosofía e Filoloxía Xermánica na Universidade de Barcelona, onde iniciou a súa traxectoria docente na Facultade de Belas Artes en 1980 como profesor non numerario. En 1996 obtivo unha praza de profesor titular e posteriormente foi catedrático de Fotografía ata 2024.
A súa práctica artística complétase cunha destacada labor ensaística e editorial. É autor de manuais técnicos de referencia como El sistema de zonas (1988) e El gran formato (1999), de ensaios teóricos como Razón y ciudad (2013) e do volume recompilatorio La triple elección. Textos 2000-2025.
Ao longo da súa traxectoria desenvolveu numerosos proxectos fotográficos, entre os que destacan as series Proyecto Eixample, Minas de la Unión e Diagonal. Así mesmo, a súa obra protagonizou importantes exposicións individuais en institucións como o MACBA e La Virreina Centre de la Imatge, en Barcelona; o Museo Patio Herreriano, en Valladolid, e o Museo ICO, en Madrid. As súas fotografías forman parte, ademais, de destacadas coleccións públicas e privadas, tanto nacionais como internacionais.


