Nova: López Campos lamenta a falta de avances para a construción da biblioteca do Estado en Vigo

21/10/2026

López Campos lamenta a falta de avances para a construción da biblioteca do Estado en Vigo

Lembra que a Xunta “leva anos agardando que o Executivo central dote esta cidade, con gran poboación, desta infraestrutura ”

Incide en que o Goberno galego “xa presentou o plan de necesidades e está preparado para asumir a xestión do equipamento, como facemos noutras urbes”

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, lembrou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia “leva agardando durante anos que o Executivo central dote a cidade de Vigo dunha biblioteca pública, un proxecto sobre o que non temos coñecemento de ningún avance a día de hoxe”. Así o afirmou na Cámara en resposta a unha pregunta sobre este tema, puntualizando, ademais, que tras varios anos de retraso “por fin o concello formalizou o mes pasado a cesión da parcela para a edificación do espazo, outro dos atrancos que mantiña este proceso estancado”.

Neste senso, o representante do Goberno galego, fixo fincapé en que o Ministerio de Cultura “xa recibiu en xullo do 2025 pola nosa parte un plan de necesidades actualizado para a futura Biblioteca Pública do Estado de Vigo”. Referiuse así á adaptación ao momento actual do informe que xa fora enviado no 2020, e co que, incidiu, “cumprimos co noso compromiso, tal e como acordamos tras a visita nese momento do ministro Ernest Urtasun”.

Nesta liña, López Campos incidiu en que a Xunta “está preparada para asumir con fondos propios a xestión deste equipamento, unha vez estea construído, como facemos noutras urbes” á vez que volveu reclamar celeridade para un proxecto moi necesario “tendo en conta que estamos a falar dunha cidade cunha gran poboación que non conta nestes momentos cunha biblioteca do Estado, cando outras urbes menos poboadas si contan con esta infraestrutura”.

Deste xeito, cómpre destacar que o Goberno galego defendeu no seu plan de necesidades as dimensións do edificio, incidindo nunha superficie de 8.000 m2 que xa propuxera en 2020 e que finalmente foi aceptado polo Executivo central, desbotando a primeira opción acordada coa Administración local, que contemplaba un inmoble de menor tamaño. Así, tal e como resaltou o conselleiro, “esta biblioteca está chamada a ser un dos grandes referentes culturais da cidade e a maior de todo o territorio” superando a de Ourense (7.000 m2), a de Santiago de Compostela (5.800 m2) e á da Coruña (6.200m2).

Comparte