Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural o convento do Bon Xesús da Limia na categoría de monumento
19/10/2026
A Xunta declara Ben de Interese Cultural o convento do Bon Xesús da Limia na categoría de monumento
- Recoñécese así o valor arquitectónico, artístico e histórico desta edificación de principios do século XVI localizada no municipio ourensán de Xinzo
- Trátase dun conxunto que trascende o propio mosteiro e consta de igrexa, claustro, restos das dependencias conventuais e outras construcións auxiliares
- A protección abrangue, ademais, cinco retablos do templo dependente da Diocese de Ourense
- Con esta incorporación, elévanse a 805 os Bens de Interese Cultural de Galicia
A Xunta declara Ben de Interese Cultural na categoría de monumento o convento do Bon Xesús da Limia, unha edificación singular e senlleira localizada no lugar de Trandeiras, no municipio ourensán de Xinzo de Limia, polo seu valor arquitectónico, artístico e histórico. Así se deu a coñecer hoxe no Consello, onde se lle deu luz verde ao decreto que pecha un proceso de incoación iniciado en febreiro do 2025.
Deste xeito, o expediente elaborado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñece o valor cultural sobranceiro dun mosteiro construído a principios do S. XVI, rexido no seu momento pola orde franciscana e cuxos restos son actualmente propiedade do Concello. Trátase dun conxunto que inclúe o claustro, as dependencias conventuais, os muros perimetrais, diversas construcións auxiliares como son un forno, unha alvariza e varias infraestruturas hidráulicas, o bosque da contorna e a igrexa, en funcionamento para o culto relixioso e titularidade da Diocese de Ourense.
Ademais, a protección como Ben de Interese Cultural abrangue varias pezas artísticas vencelladas ao templo. Trátase de cinco retablos de madeira de notable calidade artística: o retablo maior, o retablo da Asunción, o do Cristo dobre a pedra fría e o da Durmición de María.
Así, o conxunto constitúe todo un emblema histórico, sendo un dos lugares máis significativos da comarca da Limia e símbolo da transición entre o gótico tardío e un incipiente estilo renacentista, do que en Galicia non hai unha gran representación. Neste senso, o valor arquitectónico do convento ponse de manifesto na súa monumentalidade, cun claustro no que se conservan parte das lousas do piso e os elementos pétreos do pórtico da galería da planta baixa, que constitúe tamén o seu elemento de maior valor artístico xunto coa portada da entrada e o arco triunfal do prebisterio da igrexa.
De feito, cómpre destacar que a igrexa goza dun bo estado de conservación, despois das obras de rehabilitación desenvolvidas nas últimas décadas. Mentres, ao redor do claustro permanecen parte dos muros exteriores orixinais e algúns interiores do que foron as dependencias conventuais. En canto ás construcións auxiliares, hai que resaltar o forno, que foi restaurado recentemente, e zonas con pías para o curtido de coiro atopadas nas últimas escavacións.
Esta declaración eleva a 805 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia, despois da recente inclusión de seis moedas históricas.

