Nova: A Xunta achega 48.000€ para rehabilitar un dos muíños da Ponte Maceira
05/10/2026
A Xunta achega 48.000€ para rehabilitar un dos muíños da Ponte Maceira
- O consello dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o concello de Negreira para arranxar este ben
- Os traballos, que se realizarán en dúas anualidades, céntranse en arranxar a aresta dun muro que colapsou por mor das inundacións e os problemas na cuberta
- Esta actuación responde ao compromiso do Goberno galego coa conservación e posta en valor do patrimonio estendido por todo o territorio, especialmente o vencellado ao Camiño
A Xunta de Galicia rehabilitará o muíño número 1 da Ponte Maceira, no concello de Negreira, que colapsou a causa das diferentes inundacións acontecidas nos últimos anos. Así quedou reflectido no Consello, onde se deu luz verde á sinatura dun convenio co Goberno local, por valor de 48.000€, para arranxar este ben no marco do compromiso do Executivo autonómico coa conservación e mantemento do patrimonio nas mellores condicións.
Así, o obxectivo da intervención é poder consolidar canto antes a aresta do muro que colapsou antes de que se vexa afectado por novos temporais, ademais de arranxar os problemas da cuberta, parcialmente danada, e da fachada sur, onde diversas árbores enraizaron nos bloques de pedra que se agretaron. Deste xeito, os traballos centraranse na reconstrución da aresta mediante a técnica da anastilose co selado das xuntas e un rexuntado profundo nos paramentos afectados polo exterior e interior dos muros.
Con esta intervención, á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 20.000€ en 2026 e 28.395€ na anualidade de 2027, o Goberno galego dá mostra da súa responsabilidade coa protección do patrimonio máis senlleiro, especialmente o vencellado ao Camiño de Santiago, como é neste caso o conxundo da Ponte Maceira, situado sobre o río Tambre entre as localidades de Ames e Negreira. Cómpre lembrar, neste senso, que se trata dun Ben de Interese Cultural destacado no percorrido da ruta xacobea que vai da capital galega a Fisterra e Muxía.
Nesta liña, desde a Xunta colaborase coa posta en valor dun ben de interese público incluíndo esta actuación no Plan Estratéxico para a conservación e a restauración do patrimonio cultural de Galicia, prestando especial atención aos concellos máis pequenos que contan con menos recursos orzamentarios para acometer este tipo de actuacións.
Un conxunto histórico
O muíño obxecto da rehabilitación forma parte dun conxunto protagonizado por unha ponte que conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados.
A súa antigüidade, influencia na configuración do territorio, calidade construtiva e estado de conservación acreditan o carácter sobranceiro desta infraestrutura da enxeñaría histórica que se complementa cos tres muíños de auga, protexidos polo seu valor cultural.
Trátase de construcións sinxelas de pedra robusta de cantaría, para soportar a forza da auga do río, datadas no S.XVIII. Concretamente, o muíño número 1 é unha edificación de planta poligonal distribuída en dous niveis onde ambos reciben entrada de auga. A eficiencia do seu funcionamento complétase co aproveitamento dunha pequena fervenza.
