Nova: Anxo M. Lorenzo destaca “o labor a prol da lingua e da cultura” do Premio de Poesía Afundacion
29/09/2026
Anxo M. Lorenzo destaca “o labor a prol da lingua e da cultura” do Premio de Poesía Afundacion
Sinala a importancia de apoiar citas como esta porque “contribúen a enriquecer e prestixiar a nosa produción poética”
Lembra o bo momento que vive Galicia neste xénero con recoñecementos nacionais como os recibidos por Miriam Reyes, Chus Pato ou Yolanda Castaño nos últimos anos
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na xuntanza na que se deu a coñecer o gañador da 24ª edición do Premio de Poesía Afundación, un certame promovido desde hai máis de 20 anos por esta entidade e o centro PEN Galicia coa colaboración da Xunta e que supón, destacou, “unha importante cita polo seu labor a prol da cultura normalización da lingua galega”.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a Xerardo Quintiá, que coa obra presentada baixo o título Os cantos a Minha Senhor se suma a unha longa lista de galardoados que, tal e como resaltou, “contribúen a enriquecer e prestixiar a nosa produción poética e forman parte dun grupo selecto pola calidade dos seus traballos”.
Precisamente, o director xeral de Cultura salientou a “o bo momento que vive a poesía galega nos últimos anos, recoñecida máis alá da nosa Comunidade”. Fixo referencia así ao Premio Nacional de Poesía que no 2025, 2024 e 2023 recaeu nas escritoras galegas Miriam Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño, respectivamente.
Cómpre destacar que Xerardo Quintiá, natural do concello lucense de Friol, elixido entre os 46 poemarios presentados nesta edición, vén de gañar recentemente o Premio Narrativa Breve Repsol e que xa ten publicadas unha vintena de libros de narrativa, ademais de participar noutras obras de carácter colectivo e de recibir diversos recoñecementos no mundo da literatura.
O galardón, que implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 7.000€, comezou o seu percorrido no ano 2002. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafa Vilar, Miguel Rodríguez Monteavaro e Xosé Miranda Ruiz, gañador da anterior convocatoria.
Nesta edición formaron parte do xurado Luis González Tosar, Inés Mosquera Calvo, César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos.
