Nova: Anxo M. Lorenzo erixe a exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea sobre Kounellis como mostra da implicación de Galicia en proxectos internacionais

25/09/2026

Anxo M. Lorenzo erixe a exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea sobre Kounellis como mostra da implicación de Galicia en proxectos internacionais

A entidade museística da Xunta exhibirá, ata o 24 de xaneiro de 2027, o legado do máximo expoñente da ‘Arte Povera’ e un dos creadores máis relevantes do século XX

A iniciativa está deseñada e comisariada polo galego David Barro, actual director do museo mallorquino

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M Lorenzo, erixiu hoxe a exposición Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes do Centro Galego de Arte Contemporánea como “mostra da implicación e liderado que exerce Galicia en proxectos artísticos internacionais”. Así o aseverou na inauguración, en Santiago de Compostela, deste proxecto conxunto entre esta entidade da Xunta e o Es Baluard Museu D’art Contemporani de Palma, que poderá verse ata o 24 de xaneiro de 2027.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o carácter “único e específico” desta iniciativa que revisita a obra “dun dos creadores máis relevantes do século XX” e o “máximo expoñente” da coñecida Arte Povera, caracterizada polo emprego de materias desbotados e de refugallos, “desde unha perspectiva centrada na viaxe, na memoria material e no mar como espazo de intercambio cultural”.

Deste xeito,  precisou que a mostra foi deseñada e producida polos propios centros museísticos para súa exhibición nas súas respectivas instalacións. Precisamente, lembrou que se exhibiu previamente, entre o 3 de decembro de 2025 e o 30 de agosto dese mesmo ano, no Es Baluard Museu Dart Contemporani de Palma, xa que o director, o galego David Barro, é o comisario do proxecto.

Neste senso, puxo en valor que a exposición supón tanto a primeira colaboración entre ambas dúas entidades artísticas, como a primeira exposición institucional nas Illas Baleares e en Galicia deste pintor, escultor e tamén creador vinculado á performance. No entanto, precisou que a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea xa posúe “unha peza moi importante” de Kounellis de carácter poético e que funciona co rastro do fume das chamas dunhas velas, mais a entidade pública nunca chegou a organizar nas súa salas unha mostra específica sobre este artista crucial da escena internacional da segunda metade do século XX.

En canto a Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes, Anxo M Lorenzo destacou o feito de que a exposición suporá poder gozar en Galicia dunha selección de obras do artista grego, procedentes de coleccións particulares españolas e internacionais, datadas entre 1993 e 2013, “nas que se propón unha reflexión sobre a pegada humana nos obxectos, pero tamén sobre a pintura e as súas posibilidades e remite á experiencia persoal do artista, vinculada á súa infancia no porto do Pireo”.

Kounellis

Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023), entre outras.

A súa obra está presente en coleccións como as do MoMA – Museum of Modern Art, Nova York; Centre Pompidou, París; Tate Britain, Londres; Solomon R. Guggenheim Museum, Nova York; Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; Museu Serralves, Porto; Stedelijk Museum, Ámsterdam; Kunstmuseum Bonn, ademais da creación xa nomeada da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Comparte