Nova: A Xunta financia con 20.000 euros a nova actuación arqueolóxica que se desenvolve no castro de Zoñán, en Mondoñedo
24/09/2026
A Xunta financia con 20.000 euros a nova actuación arqueolóxica que se desenvolve no castro de Zoñán, en Mondoñedo
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou a marcha dos traballos, que inclúen a escavación duns 40 m2 de superficie, labores de planimetría ou o análise dos materiais recuperados
Mondoñedo (Lugo), 24 de setembro de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia con 20.000 euros a nova campaña de investigación iniciada esta semana no castro de Zoñán. A actuación é froito dun convenio co Concello de Mondoñedo e servirá para ampliar a superficie escavada e afondar no coñecemento do xacemento.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, desprazouse hoxe ata o lugar para comprobar a marcha dos traballos, entre os que destacou a escavación de arredor de 40 metros cadrados na contorna da área xa descuberta; ao respecto, sinalou que “sacar á luz e definir novas estruturas amplía e enriquece a perspectiva sobre o xacemento”.
Tamén se realizan labores de protección nas construcións recuperadas, así como de roza e limpeza, topografía e planimetría, e un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos mobles recuperados, entre outros. Os traballos de campo comezaron este luns e teñen unha duración de 20 días.
Esta iniciativa forma parte das intervencións que promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o ano 2026 destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia; contempla un total de 11 proxectos na provincia de Lugo cun orzamento de partida de 203.400 euros.
O castro de Zoñán é un poboado fortificado da Idade do Ferro situado nun esporón que domina o val do Río Cesuras, na parroquia da Nosa Señora dos Remedios. Está conformado por unha soa croa cunha superficie total dunhas 7,8 hectáreas. Foi uns dos primeiros en ser escavados en Galicia, no ano 1867, e actualmente están exhumadas estruturas habitacionais que ocupan unha extensión aproximada de 900 metros cadrados.
Forma parte dos roteiros culturais do Concello de Mondoñedo e a súa visita é libre e gratuíta, complementada con diversos paneis explicativos.



