Nova: A Xunta leva a Zamora un percorrido en imaxes do Camiño Portugués a través da mirada dunha trintena de fotógrafos lusos e galegos
24/09/2026
A Xunta leva a Zamora un percorrido en imaxes do Camiño Portugués a través da mirada dunha trintena de fotógrafos lusos e galegos
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude define a exposición como “un diálogo fotográfico entre o pasado e o presente que radiografía o legado” desta ruta xacobea
A exposición inclúe máis de 60 instantáneas realizadas por autores de ambas beiras do Miño que retrataron entre o século XIX e XXI paisaxes, lugares e localidades por onde transita o itinerario que une Porto con Santiago de Compostela
Con este proxecto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove a circulación de mostras que se xestan na Cidade da Cultura por outros territorios para facer a cultura accesible a toda a poboación
Zamora, 24 de setembro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Centro Cultural La Alhóndiga de Zamora a exposición O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que reúne máis de 60 imaxes dunha trintena de fotógrafos galegos e portugueses dos séculos XIX, XX e XXI. As instantáneas retratan a evolución histórica das realidades, das paisaxes e do patrimonio xacobeo que transita entre a cidade do Porto e Santiago de Compostela. A mostra, que forma parte das itinerancias da Cidade da Cultura, poderá visitarse ata o 30 de novembro.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou durante a inauguración que o discurso expositivo “tece un diálogo fotográfico” entre o pasado e o presente para establecer unha “radiografía do legado” que nos deixou o Camiño Portugués. Lorenzo, que estivo acompañado polo concelleiro de Obras, Mobilidade, Infraestruturas e Participación Cidadá do concello de Zamora, Pablo Novo Espiñeira; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e da comisaria da mostra, Lucía Laín, convidou o público a “enriquecer a mirada” grazas a un proxecto que retrata os “estreitos vencellos culturais, sociais e emocionais” que unen Galicia con Portugal.
Coa chegada a Zamora de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, o Goberno galego continúa a promover a circulación por outros puntos da xeografía de mostras que agromaron primeiramente na Cidade da Cultura coa meta de levar a cultura galega a outros lugares do Estado. Neste senso, Zamora xa acolleu o ano pasado a exposición A Vía da Prata. Aires do sur, tamén comisariada por Lucía Laín.
Históricos e contemporáneos
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra ofrece unha coidada selección de máis de 60 fotografías, tanto históricas como contemporáneas, dunha trintena de fotógrafos consagrados e tamén emerxentes, ofrecéndonos a un tempo unha visión histórica xunto a unha actual dos lugares polos que transita este itinerario xacobeo.
A exposición inclúe imaxes de artistas que souberon captar desde o século XIX a idiosincrasia a ambos lados do Miño. É o caso de nomes tan coñecidos como Alberto Marçal Brandão, Artur Pastor, Charles Alberty (LOTY), Nicolás Muller, Jaime Pacheco ou José Suárez. As súas obras conviven nesta mostra con autores contemporáneos como Carmenchu Alemán, Tono Arias, Miguel Muñiz ou Nicolás Combarro.


