Nova: A Xunta apoia a Programación Kármica que ofrecerá sete citas musicais con concertos de once grupos en cinco salas galegas

24/09/2026

A Xunta apoia a Programación Kármica que ofrecerá sete citas musicais con concertos de once grupos en cinco salas galegas

Taïn abre mañá venres na Sala Guión de Pontedeume un cartel do que tamén forman parte Camellos, Cora Yako, Javier Lago, Santi Araújo, Montedapena, Nuntia, Portosanto, Hermanos Visi, Estrogenuinas, Agoraphobia e Eladio y los Seres Queridos

A iniciativa acadou unhas das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a programación musical de 141 actuacións en 16 espazos da Comunidade

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 24 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia apoia o ciclo musical Programación Kármica, que desenvolverá ata marzo de 2027 un total de sete citas en cinco salas galegas cun cartel integrado por once artistas  e bandas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta iniciativa, promovida por Cape Producións, na Cofradía-Taberna Cultural de Vilanova de Arousa, espazo cultural que será tamén un dos escenarios onde se desenvolverá esta programación.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu na importancia de favorecer unha programación musical estable ao longo de todo o ano, “contribuíndo á circulación dos proxectos artísticos e reforzando o papel das salas privadas e das empresas promotoras dentro do tecido profesional da música ao vivo”.

Deste xeito, Kármica percorrerá nos vindeiros meses diferentes puntos de Galicia cunha carteleira na que figuran tamén Camellos, Cora Yako, Javier Lago, Santi Araújo, Montedapena, Nuntia, Portosanto, Hermanos Visi, Estrogenuinas, Agoraphobia e Eladio y los Seres Queridos. Así, as actuacións terán lugar, ademais de no local ourensán da presentación, na Sala Guión, en Pontedeume; en La Conservera, en Viveiro; na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro e en La Fábrica de Chocolate, en Vigo.

141 concertos en 16 espazos de Galicia

Kármica é un dos nove proxectos profesionais seleccionados na convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o desenvolvemento de programación musical en salas privadas durante o bienio 2026-2027.

En total, o Goberno galego destina 358.586 euros a impulsar, a través desta iniciativa, 141 concertos en 16 espazos de Galicia. O principal obxectivo desta convocatoria é promover a coordinación entre promotoras profesionais, salas e artistas, así como unha actividade continuada máis alá dos grandes eventos musicais.

Comezo o 25 de setembro

O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro.

O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Xa en 2027, Estrogenuinas e Agoraphobia compartirán escenario o 23 de xaneiro en La Fábrica de Chocolate de Vigo, mentres que Eladio y los Seres Queridos porán o peche á programación o 6 de marzo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro.

Comparte