Nova: A Xunta apoia un proxecto internacional do artista Fran Bobadilla sobre a Muralla de Lugo
23/09/2026
A Xunta apoia un proxecto internacional do artista Fran Bobadilla sobre a Muralla de Lugo
Lugo, 23 de setembro de 2026
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do proxecto Genius Loci, que desenvolve na Muralla o artista lucense Fran Bobadilla. A iniciativa conta co apoio da Xunta.
Trátase dunha proposta que explora a pegada, a memoria e a identidade deste espazo a través da arte, a tecnoloxía 3D e o rexistro visual. Bobadilla está a realizar a primeira fase, que consiste en rexistrar mediante a técnica do frottage unha parede da Muralla, estendendo sobre ela un lenzo de algodón orgánico de 60 metros de longo por 3 de alto. O proxecto incluirá un documental sobre o proceso realizado polo cineasta Iván Castiñeiras e un rexistro tridimensional de diferentes partes do monumento a través de tecnoloxía 3D cedida pola Universidade Complutense de Madrid.
Os promotores apuntan que se trata dunha actividade de investigación artística de carácter internacional que terá continuidade nunha terceira fase en Italia, e que conecta a creación plástica contemporánea, o patrimonio histórico mundial, a innovación tecnolóxica e a identidade cultural.
Os resultados presentaranse en febreiro do 2027 nunha exposición no MIHL de Lugo. Tamén se publicará un catálogo en formato físico e dixital.



