Nova: A Xunta impulsa a proxección exterior de catro propostas galegas de música e danza na Fira Mediterrània de Manresa

23/09/2026

A Xunta impulsa a proxección exterior de catro propostas galegas de música e danza na Fira Mediterrània de Manresa

De Ninghures e Unto Vello, no ámbito musical, e Fran Sieira Cía. de Danza con Caamaño & Ameixeiras e Colectivo Glovo, no escénico, participarán do 15 ao 18 de outubro neste mercado internacional especializado na raíz e na cultura popular

Tras a presentación, os grupos e as súas axencias participan nunha formación específica co director artístico da Fira, Jordi Fosas, para afondar no funcionamento do encontro e do mercado catalán

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia impulsa a proxección exterior de catro proxectos galegos de música e danza seleccionados para participar na 29ª Fira Mediterrània de Manresa, que se celebrará nesta localidade catalá do 15 ao 18 de outubro. Así o anunciou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación dos artistas galegos que estarán nesta cita e que inclúe as formacións musicais De Ninghures e Unto Vello, xunto coas propostas de danza BenQuerer, de Fran Sieira con Caamaño & Ameixeiras, e Alén, de Colectivo Glovo.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que “a participación galega inscríbese na colaboración que a Xunta mantén coa Fira Mediterrània co obxectivo de favorecer a distribución exterior da creación galega e abrir novas oportunidades de contacto con programadores, festivais, espazos de exhibición e axentes culturais”. Así mesmo, puxo en valor que a feira reúne cada ano en Manresa máis de 1.000 profesionais procedentes de diferentes países arredor dunha programación multidisciplinar que ten a raíz, a tradición e a cultura popular como motores creativos.

Música e danza de raíz

As bandas e compañías participantes son seleccionadas pola propia dirección artística da Fira entre os proxectos presentados á súa convocatoria anual. A programación galega iniciarase o venres 16 de outubro con Unto Vello, proxecto de Bieito Pereira e Xabi Gómez que parte de melodías tradicionais recollidas por Galicia, especialmente do repertorio das cantareiras, para transformalas a través do acordeón, a gaita, a voz e arranxos propios. Actuarán ás 12,15 h. na Taverna Cervesa Guineu.

Ese mesmo día, ás 18,30 h., Fran Sieira Cía. de Danza presentará no espazo L'Anònima BenQuerer, Fran Sieira báilalle a Caamaño & Ameixeiras. No seu primeiro espectáculo de danza en solitario, o creador aborda o autocoidado emocional e a autoestima mediante unha linguaxe que fusiona tradición galega e movementos contemporáneos, co acompañamento musical en directo de Caamaño & Ameixeiras. Tanto Fran Sieira como o devandito dúo musical xa participaran na Fira en 2023 por separado.

Tamén o venres 16, ás 20,00 h. no Museu de Manresa-Museu del Barroc de Catalunya, Colectivo Glovo levará a escena Alén, creación de danza contemporánea coproducida polo Centro Coreográfico Galego que se inspira na tradición para abordar os momentos de tránsito, ruptura e renacemento.

A presenza galega completarase o sábado 17 de outubro, ás 23,00 h. na Plaça Sant Domènec, con De Ninghures, que presentará o seu novo traballo. A banda combina melodías populares galegas con ritmos e influencias doutras culturas.

Formación e encontro con profesionais

Como novidade desta edición, tras a presentación, os representantes dos catro proxectos e das súas axencias participan nunha actividade formativa específica sobre a Fira Mediterrània e o mercado catalán, impartida polo seu director artístico, Jordi Fosas, e pola xerente do encontro, Lidia Hinojo. A sesión busca que as formacións galegas poidan aproveitar ao máximo tanto a súa presenza artística como as oportunidades profesionais que ofrece a feira.

Esta vertente profesional continuará xa en Manresa o 16 de outubro, cun pitching específico no que os proxectos galegos se presentarán ante profesionais acreditados. Na mesma sesión darase a coñecer tamén Palco, o punto de encontro anual da industria musical galega, que se celebrará en novembro. Como resultado do intercambio desenvolvido nos últimos anos, a Fira enviará ademais un grupo catalán para realizar un showcase en Palco.

Comparte