Nova: O programa ‘Estudios Abertos’ reforza a difusión da arte contemporánea ampliando o número de días, espazos e artistas co apoio da Xunta
22/09/2026
O programa ‘Estudios Abertos’ reforza a difusión da arte contemporánea ampliando o número de días, espazos e artistas co apoio da Xunta
Anxo M. Lorenzo pon en valor a contribución deste proxecto para dar a coñecer o lugar e proceso creativo de artistas galegos noveles e consagrados
Estenderanse por vez primeira a dúas fins de semana de outubro con 24 espazos e 45 creadores participantes da cidade e da provincia de Ourense
Ourense, 22 de setembro de 2026.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da terceira edición de Estudios Abertos que volve contar co apoio da Xunta para “reforzar a difusión da arte contemporánea coa ampliación, por vez primeira, a dúas fins de semana de outubro, o que permitirá contar con ata 24 espazos da cidade e provincia de Ourense e 45 creadores, maioritariamente galegos”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o feito de que reúna “tanto artistas noveles como consagrados de diversas modalidades artísticas como a pintura, a escultura, a ilustración, a colaxe, as artes visuais, a arte sonora, a conceptual, as instalacións ou as feita na rúa”. Por este motivos, celebrou a ampliación a dúas fins de semana de outubro, en vez dunha, “o que permite contar con maior número de espazos e artistas participantes que abran a público o seu lugar e proceso creativo”.
Deste xeito, Anxo M. Lorenzo explicou que na primeira fin de semana, a dos días 17 e 18 de outubro, articularase un percorrido pola creación desenvolvida en distintos puntos da provincia, entre os que se atopan, Allariz, Bande, Celanova, Esgos, Taboadela, Verín e Xunqueira de Espadanedo. Mentres que, segundo precisou, na segunda quenda, do 23 ao 25, concentrará a programación nos estudios e espazos da cidade de Ourense.
Rutas de balde polos espazos
Ademais destas aperturas libres do lugares de creación, o director xeral de Cultura destacou que o programa vai incluír rutas de balde, con reserva previa e prazas limitadas, “para achegar ao público aos talleres e favorecer unha experiencia guiada e cunha difusión dos espazos e artistas máis completa”.
“Fronte a clixés sobre a accesibilidade á arte contemporánea, este proxecto convida a comprobar que é unha disciplina próxima, que procura diferentes maneiras de relacionarse e facilitar achegarse a ela”, valorou, ao tempo que puxo en valor este tipo de iniciativas “polo que supoñen de clara descentralización da programación da actividade cultural, na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.
Finalmente, apuntou que nesta terceira edición volverase contar ca participación de “artistas referentes” da anteriores anos, como Natasha Lelenco, Xosé Poldras ou Leandro Sánchez na cidade ou Xabier Riomao, Ehlaba Carballo ou Arturo Andrade “e incorpóranse outros de igual prestixio como Chus Lamas, Ramón Conde ou Eva González”, concluíu.
