Nova: A Xunta pon en marcha unha folla de ruta propia para garantir a seguridade nos centros museísticos
21/09/2026
A Xunta pon en marcha unha folla de ruta propia para garantir a seguridade nos centros museísticos
- O Goberno galego convocará unha xuntanza de coordinación entre as administracións e os corpos de seguridade do Estado
- O itinerario analizado pola Xunta inclúe tamén o establecemento dunha canle estable de información para intercambiar alertas e compartir posibles labores de recoñecemento
- O plan de acción conta con varias liñas estratéxicas que inclúen a avaliación específica de cada peza, a designación dunha persoa responsable de seguridade ou a preparación de fichas policiais de emerxencia
- As recomendacións contemplan tamén a creación dunha rede de alerta e resposta museística ou a adaptación da exposición ao nivel de ameaza
A Xunta de Galicia porá en marcha unha folla de ruta propia para garantir a seguridade no Sistema de Galega de Centros Museísticos despois dos últimos roubos acontecidos en equipamentos nacionais e internacionais. Así se informou hoxe no Consello da Xunta, onde se deu conta da estratexia que porá en marcha a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que inclúe a convocatoria de varias xuntanzas, o establecemento dunha canle de información e a posta en marcha de varias liñas estratéxicas co fin de minimizar os riscos.
Deste xeito, tal e como se analizou no Consello, a proposta de recomendacións que se entregará aos responsables da xestión de cada museo, está baseada nun principio en cinco grandes liñas de acción que poderían ampliarse. A primeira delas céntrase na necesidade de implantar unha avaliación de risco centrada en cada peza. Para iso, cada museo elaborará un rexistro confidencial de bens prioritarios, complementaria do inventario xeral, seguindo o método recomendado pola Rede Europea de Prevención da Delincuencia e o Centro Internacional da Estudos para a Conservación e a Restauración dos Bens Culturais. Esta clasificación terá en conta a súa situación na sala, así como o material, tamaño, mobilidade, facilidade de extracción, demanda comercial ou consecuencias da perda.
A segunda procurará converter a seguridade nun procedemento diario do persoal. Con este fin, os equipamentos deberán contar cunha persoa responsable de seguridade claramente designado e con autoridade para coordinar dirección, conservación, mantemento, vixilancia e empresas externas. Así mesmo, ao abeiro deste protocolo, recoméndase identificar as persoas responsables dos distintos procedementos así como a introdución de controis específicos nos períodos de maior exposición como poden ser as montaxes ou desmontaxes.
A terceira liña estratéxica, pola súa banda, fai referencia á necesidade de preparar as coleccións para facilitar a identificación e recuperación. Neste senso, recoméndase que os bens prioritarios sexan documentos seguindo a norma Object ID que inclúe fotografías, características técnicas e información de datación e procedencia. Ademais deste inventario, proponse a creación dunha ficha policial de emerxencia no caso das pezas prioritarias para que, no caso de roubo, poida remitirse sen demora ás forzas de seguridade e incorporarse, a través das autoridades competentes, á base internacional de Interpol.
O cuarto punto destas recomendacións baséase na creación dunha rede de alerta e resposta museística. Isto inclúe a creación dun nodo permanente entre museos, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil, con participación dos centros municipais, eclesiásticos e privados que custodien bens especialmente sensibles que permita compartir alertas, tentativas ou posibles labores de recoñecemento.
Por último, procurarase reducir o beneficio criminal e adaptar a exposición ao nivel de ameaza. Para iso, sempre que sexa compatible coa conservación, proponse o emprego de identificadores discretos, etiquetas de radiofrecuencia ou marcadores forenses que permitan detectar a retirada ou acreditar a identidade da peza. Ademais, nos obxectos que poden venderse enteiros, cómpre activar unha vixilancia temperá de poxas, plataformas dixitais e circuítos comerciais, en colaboración coa policía e cos profesionais do mercado.
Coordinación e información compartida
Ademais da divulgación destas recomendacións, a folla de ruta posta en marcha pola Xunta de Galicia inclúe tamén a convocatoria dunha serie de xuntanzas. A primeira, prevista xa para os vindeiros días, é unha reunión de coordinación de seguridade entre a Administración autonómica, a Unidade de policía adscrita a Galicia, e as unidades de Patrimonio dos corpos de seguridade do Estado en Galicia.
Isto compleméntase co establecemento dunha canle estable de información e cun novo encontro cos centros do sistema galego de centros museísticos de Galicia para dar conta das medidas propostas polos corpos de seguridade.
Cómpre lembrar que estas medidas lévanse a cabo despois de varios fitos acontecidos estes días atrás no que o Executivo autonómico participou en dúas reunións no Misterio de Cultura co resto de comunidades para analizar as novas circunstancias que caracterizan os actuais roubos nos museos en todo o mundo e do encontro organizado entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e os responsables do Sistema Galego de Centros Museísticos para coñecer de primeira man as súas necesidades e inquedanzas relativas á seguridade.
