Nova: A Xunta licitará nos vindeiros días a restauración do retablo maior da igrexa de Santa María de Arbo
21/09/2026
A Xunta licitará nos vindeiros días a restauración do retablo maior da igrexa de Santa María de Arbo
A actuación, que conta cun orzamento de 90.600€, centrarase en reparar as alteracións provocadas polas humidades e por outros retoques anteriores
As obras inclúen a reposición de ancoraxes, o tratamento de elementos metálicos ou a eliminación de repintes, entre outras accións
Tal e como lembra López Campos, esta é unha das iniciativas que dan conta do compromiso do Goberno galego cos bens patrimoniais da Comunidade
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, analizou hoxe co alcalde de Arbo, Horacio Gil, a actuación que se levará a cabo sobre o retablo maior da igrexa de Santa María, na localidade pontevedresa, e que a Xunta licitará nos vindeiros días cun orzamento de 90.600€.
Ambos os dous coincidiron na necesidade de restaurar esta peza que, tal e como lembrou o responsable de Cultura do Goberno galego, “responde ao noso compromiso coa conservación e a posta en valor do noso patrimonio, tamén o eclesiástico, onde se atopan xoias artísticas como é este retablo en Arbo”.
Deste xeito, López Campos puido comentar de primeira man o rexedor do municipio este investimento que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realiza neste concello e que se suma a outras cuestións relacionadas tanto co patrimonio, como coa dinamización da cultura, coa promoción da lingua galega ou con iniciativas de apoio á mocidade.
O retablo obxecto da restauración, na cabeceira da igrexa e realizado en madeira de castiñeiro, dourado e policromado de estilo neoclásico, sufriu un deterioro ao longo do tempo provocado polas condicións ambientais, sobre todo no que ten que ver con humidades, e tamén pola acción humana, xa que foi obxecto de repintes en actuacións pasadas.
Así, os traballos comezarán cunha limpeza superficial, a eliminación de elementos alleos á peza e unha desinfectización curativo preventiva. Posteriormente procederase á fixación de estratos polícromos, á revisión, reposición e reforzo de ancoraxes e a unha intervención de reaxuste estrutural na carpintería. Ademais, o proxecto contempla tamén o tratamento de elementos metálicos, a consolidación de soportes e o arranxo de gretas e fisuras. A intervención complétase cos traballos de reintegracións volumétricas e cromáticas, a eliminación de repintes e a limpeza de policromías e vernices oxidadas.
