Nova: Villares participa na Galería Néboa na inauguración da proposta Aberto’26, que conta co apoio da Xunta

19/09/2026

Villares participa na Galería Néboa na inauguración da proposta Aberto’26, que conta co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo destaca a colaboración do Goberno galego co sector para  favorecer a actividade expositiva, a asistencia a feiras nacionais e internacionais e a promoción dos artistas locais

Lugo, 19 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na galería Néboa na inauguración da proposta Aberto’26, que  impulsa a Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia a modo de apertura conxunta da nova tempada e conta co apoio do Goberno galego.

A sala que dirixe Alba López é a única representante da provincia entre as nove integrantes do colectivo, e no marco deste proxecto presenta ata o 11 de novembro a mostra “Sustrato Habitual”, do asturiano Román Corbato; reúne pezas sobre o paso do tempo e o impacto da intervención humana no territorio realizadas a partir de materiais recuperados, restos arquitectónicos ou elementos da paisaxe.

Villares destacou a colaboración da Xunta coas galerías de arte para fomentar a actividade expositiva e o acceso á cultura, promovendo ademais o talento dos artistas galegos. Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega este ano á citada asociación 70.000 euros mediante un convenio que contempla seis exposicións na sala lucense, entre outras iniciativas.

Así mesmo, a consellería vén de resolver a convocatoria pola que distribúe 132.000 euros entre 13 galerías de Galicia para favorecer a súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade. Entre as beneficiarias figura tamén a galería Néboa, para a súa asistencia a Arco Lisboa e Investec-Cape Town, en Cidade do Cabo.

Comparte