Nova: López Campos anuncia en Sarria o remate para outubro das obras de conservación na igrexa de Santa Mariña
17/09/2026
López Campos anuncia en Sarria o remate para outubro das obras de conservación na igrexa de Santa Mariña
A actuación, que conta cun orzamento de 546.647€, enmárcase nas achegas da Xunta de Galicia para o mantemento e posta en valor do patrimonio da Comunidade
As tarefas céntranse en solucionar a entrada de auga no templo e en resolver outras patoloxías como a estabilidade dos muros das fachadas
O responsable de Cultura sinala que estes traballos “dan conta do noso compromiso coa rehabilitación e preservación dos bens vencellados ao Camiño e co territorio lucense”
Sarria (Lugo), 17 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe en Sarria que a Xunta ten previsto o remate en outubro das obras de conservación que se están a levar a cabo na igrexa de Santa Mariña, cun orzamento de 546.647€. Así, durante unha visita ao templo, afirmou que esta actuación “dá conta do noso compromiso coa rehabilitación, preservación e posta en valor do noso patrimonio, especialmente o que está vencellado ao Camiño de Santiago”.
Neste senso, o representante do Goberno galego lembrou que os traballos “están executados case nun 90%”, á vez que destacou que permitirán “solucionar varias patoloxías que afectan á conservación dun ben de especial entidade porque está incluído na delimitación do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial da Unesco”.
Así mesmo, o responsable autonómico de Cultura fixo fincapé no marco desta visita “na atención ao territorio lucense” por parte do seu departamento, sinalando que “precisamente en Sarria temos outros proxectos en marcha como é a restauración da capela de San Lázaro, á que destinamos preto de 220.000€”.
No caso de Santa Mariña, a actuación céntrase en resolver a entrada de auga pola cuberta, pola fachada, polas fiestras e pola torre do inmoble, así como a solucionar os problemas de estabilidade nos muros e da escaleira da torre. Complétase, ademais, coa mellora do sistema de calefacción e da accesibilidade.
Así, as accións que están a piques de rematar nesta igrexa, construída entre 1883 e 1885 no lugar no que antigamente existiu outro templo de orixe romana, teñen que ver coa substitución do material da cuberta de lousa de pizarra e na reparación do entaboado que a soporta. Tamén co arranxo dos encontros cos paramentos verticais e coa limpeza da cantería, dotando de estanquidade os muros e a torre mediante morteiros de cal tradicional.
A isto hai que sumarlle as distintas tarefas de restauración dos elementos da carpintería exterior danados, protexendo os peitorís das fiestras e do chapitel da torre, ademais da rehabilitación da estrutura e piso dos forxados e da escaleira da torre. A actuación complétase coa substitución da caldeira de gasóleo da calefacción e a colocación dunha rampla de acceso ao templo.

