Nova: Belén do Campo supervisa o resultado das obras do pintado exterior da igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada en Trazo que contaron cun apoio da Xunta de máis de 15.000€

14/09/2026

Belén do Campo supervisa o resultado das obras do pintado exterior da igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada en Trazo que contaron cun apoio da Xunta de máis de 15.000€

A delegada da Xunta e a alcaldesa comprobaron o resultado desta actuación, que se suma á realizada o ano pasado de acondicionamento e pintado da parte interior desta igrexa protexida ao ter consideración de ben catalogado

Trazo (A Coruña), 14 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, supervisaron o resultado final dos traballos que se executaron de mellora na igrexa de Santa Eufemia de Vilouchada, realizadas grazas a un apoio do Goberno galego de máis de 15.000 euros.

Durante a visita, a representante da Xunta comprobou o resultado desta actuación que consistiu na limpeza da superficie e posterior pintado do exterior do templo. Esta actuación súmase á realizada hai un ano que se centrou en solucionar o mal estado dos paramentos interiores afectados polo lume por un incendio que afectou ao interior do templo que contou cun orzamento de máis de 18.000 euros.

Nesta liña, Belén do Campo apuntou que “estas intervencións encádranse no firme compromiso da Xunta coa restauración, conservación e protección dos monumentos estendidos por todo o territorio galego”.

Santuario

O santuario de Santa Eufemia é unha edificación de planta de cruz latina construída con cantaría e cachotaría de granito recebado. O estilo da fachada é claramente neoclásico do século XIX. O edificio ten engadidos posteriores. Este templo está protexido ao ter consideración de ben catalogado

A igrexa ten un acceso a través dunha tripla escaleira pétrea o que achega monumentalidade ao santuario. Na fachada, rematada en frontón triangular, destacan as parellas de piastras de orde colosal xónico. A igrexa sitúase nunha carballeira que lle serve de acceso sendo tamén espazo da tradicional romaría de San Mateo que reúne a un gran número de fieis e visitantes no mes de setembro. Este ano celebrase o luns 21 de setembro. O conxunto posúe carácter de paisaxe cultural pola conxunción da igrexa e das árbores.

Comparte