Nova: A Xunta colabora con 13 galerías de arte para que participen en feiras internacionais
13/09/2026
A Xunta colabora con 13 galerías de arte para que participen en feiras internacionais
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da convocatoria pola que se apoia a asistencia destas entidades a encontros en cidades como París, Miami, Basilea, Londres ou Cidade do Cabo
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia colaborará con 13 galerías de arte galegas para que participen en feiras e mercados fóra da Comunidade. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia na que se detalla un investimento de 132.000€.
Así, ao abeiro desta liña de axudas que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Goberno galego pretende impulsar a proxección exterior dos artistas galegos e a dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte de todo o mundo. No caso concreto desta edición, apoiarase a presenza de profesionais galegos en encontros en París (Francia), Miami (Os Estados Unidos de América), Basilea (Suíza), Londres (Reino Unido), Cidade do Cabo (Suráfrica), Lisboa e Silves (Portugal), Mónaco e Madrid (España).
Deste xeito, a Xunta amosa o seu compromiso coa promoción da arte e a súa difusión tanto no territorio galego como no exterior. Neste senso, búscase incentivar a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura. Na derradeira convocatoria, once galerías galegas acadaron estas subvencións para participar en citas en Miami, París, Madrid, Lisboa ou Seúl.
Cómpre lembrar que, tal e como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, as entidades reciben un máximo de 4.000€, mentres que a axuda ascende ata os 8.000€ se se trata de citas internacionais, todas elas en réxime de concorrencia non competitiva. Deste xeito, as galerías subvencionadas deben agora achegar a documentación xustificativa necesaria.
