Nova: Camiño Escena Norte 2026 leva tres espectáculos galegos a nove concellos doutras comunidades e trae a Galicia 10 funcións co apoio da Xunta

09/09/2026

Camiño Escena Norte 2026 leva tres espectáculos galegos a nove concellos doutras comunidades e trae a Galicia 10 funcións co apoio da Xunta

Ártika Cía., Teatro de Ningures e Teatro O Cubo representarán a escena galega, levando as súas propostas a localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra

O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas desenvolverase do 18 de setembro ao 15 de novembro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, coa participación de 18 compañías

Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo recibirán propostas de teatro, monicreques e ilusionismo

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia volve apoiar Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa oitava edición e que desenvolverá a súa programación do 18 de setembro ao 15 de novembro de xeito simultáneo en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. O seu principal circuíto de exhibición, Itinerario Constelacións, reúne nesta ocasión 18 compañías, tres por cada comunidade participante, seleccionadas por comisións profesionais independentes e que por parte galega serán Ártika Cía., Teatro de Ningures e Teatro O Cubo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación galega do programa nun acto conxunto celebrado na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Tamén interviñeron a presidenta da asociación Escena Galega, Eva Alonso, así como representantes da empresa patrocinadora Vegalsa-Eroski e das formacións galegas que compoñen a escolma deste ano. A cita pechouse coa representación dun fragmento do espectáculo Voo,  co que Teatro O Cubo participará no circuíto.

Sutil destacou que Camiño Escena Norte se consolidou como “un auténtico espazo de intercambio cultural entre diferentes territorios”, o que lles permite aos profesionais “dialogar, ampliar públicos e establecer redes de colaboración estables”. Neste sentido, incidiu tamén no valor estratéxico da iniciativa para avanzar nun dos retos do sector galego: incrementar a circulación dos espectáculos producidos en Galicia fóra da Comunidade.

Nove localidades galegas

A programación de Camiño Escena Norte en Galicia desenvolverase entre o 26 de setembro e o 30 de outubro en nove localidades das provincias da Coruña e Lugo: Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo. Serán 10 funcións de teatro para público adulto e familiar, monicreques e ilusionismo a cargo de compañías procedentes de Asturias, Euskadi, Navarra e A Rioxa.

Nueve Lunas Teatro, da Rioxa, levará a Foz e Sarria Juana I de Castilla, unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes representarase 52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi), unha proposta coral sobre a soidade non desexada que toma como punto de partida o canto dunha balea que queda fóra da frecuencia da súa especie. A compañía asturiana El Callejón del Gato chegará a Negreira e Arzúa con El gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil, mentres que Saltantes Teatro, tamén de Asturias, presentará en Lugo e Santiago La balada del norte, adaptación escénica da novela gráfica de Alfonso Zapico arredor da memoria e do conflito de clases durante a revolución de 1934. Ribadeo acollerá unha dobre función de 3 elementos, espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial para todos os públicos da compañía navarra Hodei. O percorrido galego pecharase en Vimianzo o 30 de outubro con ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi), unha dramaturxia arredor das presións na infancia e dunha sociedade excesivamente esixente.

Proxección exterior do teatro galego

En paralelo á chegada destas propostas, Ártika Cía., Teatro de Ningures e Teatro O Cubo serán as tres formacións encargadas de representar Galicia no Itinerario Constelacións. Ártika xirará con Non pasarán por Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, Premio da Crítica de Galicia 2025, a Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias); e Teatro O Cubo presentará Voo en Zarautz e Sopela, en Euskadi, e en Xixón, neste último caso no marco do festival Danza Xixón.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta sinalou ao respecto que a escena galega vive un momento de “madurez creativa, diversidade de linguaxes e formatos”, polo que resulta fundamental “anchear as fronteiras de exhibición e facermos partícipes desta riqueza a espectadores doutros territorios”. Sutil lembrou ademais que a Xunta participa no proxecto desde o seu nacemento en 2018 e puxo en valor a súa inspiración no Camiño de Santiago do Norte, especialmente ante a proximidade do Xacobeo 2027.

Camiño Escena Norte está promovido polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Escena, ESNA e AEscena. Xunto ao Itinerario Constelacións, desenvolve o programa paralelo Camiño Expandido, que este ano centra o seu foco en Asturias e que inclúe accións en centros educativos e colaboracións con programas culturais, ademais dunha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, do 21 ao 23 de setembro en Xixón. Nesta oitava edición, o proxecto adopta o lema Latexos Escénicos, arredor do encontro e da enerxía compartida a través das artes vivas.

Comparte