Nova: A Xunta achega 133.000€ para instalar un sistema de climatización no centro sociocultural de Ponteceso

07/09/2026

A Xunta achega 133.000€ para instalar un sistema de climatización no centro sociocultural de Ponteceso

  • O Consello dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para unha actuación cuxo custo total é de 162.000€
  • Trátase dunha intervención clave para a conservación dos fondos patrimoniais que custodia o inmoble e para o benestar das persoas usuarias
  • Os traballos permitirán dotar o edificio, que alberga varios servizos, dos recursos necesarios para incrementar os seus usos e accións culturais
  • A iniciativa vai na liña do compromiso do Goberno galego con manter nas mellores condicións os equipamentos culturais dos municipios

A Xunta de Galicia achegará 133.000€ para levar a cabo a instalación dun sistema de climatización no centro sociocultural de Ponteceso, respondendo así ás necesidades actuais dun edificio que ao longo dos últimos anos foi evolucionando nos seus usos e actividades. Así se informou hoxe no Consello da Xunta, onde se deu luz verde á sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local do municipio coruñés para a mellora deste equipamento que comezou a funcionar no 2010.

Así, a actuación, para a que o Goberno galego destinará 50.402€ na anualidade de 2026 e 82.597€ na do 2027, está dirixida a executar definitivamente a preinstalación coa que conta o edificio desde os seus inicios en previsión de que esta infraestrutura incremente os seus servizos e accións culturais, que na actualidade alberga o Museo Etnolúdico de Galicia, unha biblioteca, unha sala de cine, unha aula de informática e oficinas.

Con esta axuda, o Concello de Ponteceso poderá finalizar a obra a partir das canalizacións, desaugadoiros, pasos de instalacións e espazos técnicos xa existentes necesarios para a implantación deste sistema definitivo. A intervención será clave para a conservación dos fondos patrimoniais que custodia o inmoble como son pezas bibliográficas e museísticas sensibles ás variacións de temperatura e humidade. Neste senso, evitarase o deterioro progresivo do papel, téxtiles, madeira e outros materiais, ademais de repercutir no benestar das persoas usuarias dos seus servizos.

Cómpre lembrar nesta liña que a conservación preventiva en bibliotecas e museos recomenda manter condicións ambientais estables para minimizar o deterioro e garantir a preservación a longo prazo dos materiais que salvagarda. Por isto, a actuación permitirá mellorar a funcionalidade global do inmoble e asegurar unhas condicións axeitadas para o correcto funcionamento como centro cultural, así como a optimización da eficiencia enerxética e redución de custos de mantemento.

Con este novo acordo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá mostra do seu compromiso coas Administracións locais para que poidan ofrecer á veciñanza infraestruturas culturais de calidade.

Comparte