Nova: A Xunta colabora co concello de Arteixo con 300.000€ para rehabilitar a Reitoral de Loureda

02/09/2026

A Xunta colabora co concello de Arteixo con 300.000€ para rehabilitar a Reitoral de Loureda

  • O Consello autoriza o convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para destinar este espazo a equipamento social, cultural e comunitario de carácter parroquial e veciñal
  • A través deste acordo levaranse a cabo actuacións para acondicionar o terreo, renovar a carpintería, reparar as cubetas ou mellorar o illamento
  • O edificio establécese como un elemento representativo da arquitectura tradicional vinculada aos conxuntos parroquiais galegos

A Xunta de Galicia colaborará con 300.000 euros co concello coruñés de Arteixo para a rehabilitación integral da Casa Reitoral de Santa María de Loureda. Así se desprende do convenio por valor de 600.000 euros autorizado hoxe polo Consello da Xunta entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local que permitirá destinar este espazo a equipamento social, cultural e comunitario de carácter parroquial e veciñal.

 

A través deste acordo, preténdese recuperar de xeito funcional, arquitectónico e patrimonial un inmoble integrado nun conxunto eclesiástico catalogado, e que actualmente está carente de uso efectivo. Con este obxectivo, as actuacións inclúen o acondicionamento do terreo, as cimentacións, a reparación das cubertas, a mellora do illamento e impermeabilización, así como a urbanización interior, a carpintería ou a instalación de nova sinalización e equipamento.

 

A Casa Reitoral de Arteixo establécese como un elemento representativo da arquitectura tradicional vinculada aos conxuntos parroquiais galegos. Xunto coa igrexa de Santa María de Loureda, constitúe o principal conxunto monumental de Loureda, conformando un dos espazos de maior valor histórico, arquitectónico e etnográfico do ámbito rural do municipio.

 

Así, a actuación inscríbese dentro dunha estratexia global de recuperación e posta en valor do conxunto e permitirá dotar á veciñanza dun espazo multifuncional destinado á convivencia cidadá, a participación veciñal e á promoción da cultura local. Con esta nova iniciativa, o Goberno galego responde ao seu compromiso de achegar a cultura a todo o territorio nas mellores condicións, facilitando o acceso da sociedade ao coñecemento poñendo ao seu dispor equipamentos nos que se poida ofrecer un servizo de calidade, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

 

 

Comparte