Nova: Axudas a 89 proxectos municipais para mellorar a rede de equipamentos culturais de Galicia

08/06/2015

Axudas a 89 proxectos municipais para mellorar a rede de equipamentos culturais de Galicia

Están destinadas á adquisición de equipamento e mellora das instalacións nas que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable

Santiago, 8 de xuño de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia un total de 89 proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable, a través da liña de subvencións a concellos e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia promovida pola Secretaría Xeral de Cultura.

O Diario Oficial de Galicia publica  a resolución coas concesións das axudas de 2015, dotadas cun importe económico de 500.000 euros e cofinanciadas con fondos Feder e, que se destinan á adquisición e renovación de equipamento audiovisual, informático, acústico e de iluminación de casas da cultura, centros socioculturais, ludotecas etc. das catro provincias galegas, así como tamén ao acondicionamento destas instalacións, a través de melloras na accesibilidade e seguridade dos locais.

Deste xeito, na convocatoria de 2015 benefícianse desta liña de subvencións os concellos de Ares, Verea, Pazos de Borbén, Vimianzo, Trabada, Dodro, Viana do Bolo, Bande, Xunqueira de Ambía, Mugardos, Manzaneda, Laza, Coirós, Paderne, Moaña, Catoira, Porto do Son, Sada, Rodeiro, A Merca, Foz, Moraña, Vilarmaior, Bergondo, Ribas de Sil –cun proxecto agrupado con Folgoso do Courel e Quiroga–, O Rosal, Baleira, Ferrol, Parada de Sil, Gomesende, Camariñas, a Mancomunidade Terra de Celanova, Castro de Rei, Cangas, Meaño, As Pontes de García Rodríguez, Trazo, Ourol, Ames, Piñor, Rois, Monterroso, A Cañiza, Lobios, A Veiga, Mañón, Cervo, Cabanas, Oroso, Vilar de Barrio, Outes, Lalín, Covelo, Lugo, Valdoviño, Ramirás, Arbo, Malpica, Portas, Oza-Cesuras, Cortegada, Mos, O Porriño, Santiso, San Sadurniño, A Pobra de Trives, As Neves, Calvos de Randín, Muros, Agolada, Bóveda, Zas, Cariño, Oleiros, Sober, Outeiro de Rei, Gondomar, Carballo, Laxe, Boqueixón, Castrelo de Miño, Cospeito, Cuntis, Abadín, o Organismo Autónomo Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra e o Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo.

Instalacións axeitadas para actividades culturais diversas
Con esta liña de subvencións dirixida a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo favorecer condicións técnicas e de accesibilidade axeitadas para que os concellos galegos poidan realizar nas súas instalacións unha programación cultural diversa e de calidade dirixida a toda a poboación.

Estas axudas están enmarcadas dentro das diversas iniciativas que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación para promover e difundir a cultura, neste caso no ámbito local galego, facilitando deste xeito o equilibrio territorial na súa distribución.

Comparte