Nova: López Campos gaba o traballo da Fundación Manolo Paz a prol da difusión da danza contemporánea co recoñecemento á coreógrafa La Ribot
07/08/2026
López Campos gaba o traballo da Fundación Manolo Paz a prol da difusión da danza contemporánea co recoñecemento á coreógrafa La Ribot
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participan na XI Xornada que cada ano organiza esta entidade
A edición deste ano dedícase a homenaxear a traxectoria dunha das figuras pioneiras na renovación e hibridación entre a danza contemporánea e as artes visuais
Cambados (Pontevedra), 7 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiron hoxe á celebración da XI Xornada da Fundación Manolo Paz, unha cita impulsada polo propio escultor cambadés a prol da cultura e da arte galega que se celebra cada ano en recoñecemento ao legado de creadores e profesionais da cultura.
No acto, o representante de Cultura da Xunta gabou o traballo feito pola Fundación Manolo Paz en beneficio da cultura e celebrou a decisión de homenaxear nesta edición á coreógrafaa María José Ribot Manzano, “pola contribución que este recoñecemento supón da difusión da danza contemporánea”. Neste senso, López Campos salientou que se trata dunha das figuras pioneiras na renovación e hibridación entre a danza contemporánea e as artes visuais, “cuxos traballos e talento creativo teñen formado parte da nosa programación cultural", lembrou ao respecto da súa participación no festival Escenas do Cambio, da Cidade da Cultura de Galicia.
Compre salientar que no marco destas xornadas, impulsadas desde o espazo creativo e expositivo de Manolo Paz, no lugar de Quintáns tamén se puido gozar dun concerto da cantante Uxía e durante estes días pode verse unha exposición monográfica sobre a traxectoria da artista homenaxeada.
