Nova: Villares gaba o ‘Festival Homenaxe aos Músicos do Val’ por poñer en valor o talento e traxectoria dos artistas locais

06/08/2026

Villares gaba o ‘Festival Homenaxe aos Músicos do Val’ por poñer en valor o talento e traxectoria dos artistas locais

O Valadouro (Lugo), 6 de agosto de 2026

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do I Festival Homenaxe aos Músicos do Val e gabou que “pon en valor o talento local e recoñece a traxectoria dos que durante décadas enriqueceron a vida cultural da zona”.

A iniciativa, que se celebrará mañá no Valadouro, está organizada pola asociación Ó Compás do Río Ouro e conta co apoio da Xunta de Galicia; homenaxea aos músicos deste municipio e de Alfoz do Castrodouro coa actuación de artistas e formacións de distintos estilos que compartirán escenario neste encontro interxeracional.

A xornada inclúe tamén un taller musical gratuíto para nenos e nenas, unha mesa redonda ou a exposición fotográfica Aquí segue soando a música, entre outras actividades.

Comparte