Nova: Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan a figura de Carlos Oroza na presentación da escultura que se instalará nos xardíns de Montero Ríos de Vigo
06/08/2026
Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan a figura de Carlos Oroza na presentación da escultura que se instalará nos xardíns de Montero Ríos de Vigo
A delegada territorial e o director xeral de Cultura asistiron ao acto organizado pola Asociación Évame Oroza no lugar onde se instalará a estatua en novembro
A figura de bronce será obra do escultor Sergio Portela coa fundición a cargo do obradoiro de Cuqui Piñeiro
Vigo, 6 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacaron este xoves a figura do poeta Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015) durante a presentación do proxecto para honrar a súa figura cunha escultura nos Xardíns de Montero Ríos da cidade que contará co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A presentación tivo lugar no propio espazo que acollerá a obra, unha figura de bronce creada polo escultor Sergio Portela, coa fundición a cargo do obradoiro de Cuqui Piñeiro. Máis aló da homenaxe ao poeta, a intención é converter este enclave nun punto de encontro permanente para a cultura, aberto á celebración de recitais poéticos, presentacións de libros e outras actividades culturais.
Ademais da delegada e do director Xeral, no acto participaron o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o presidente da Asociación Cultural Évame Oroza, Xabier Romero, e o escultor Sergio Portela, autor da obra.
A escultura, que representará a Carlos Oroza a tamaño natural, será realizada en bronce e situada sobre unha peana de granito galego, cunha altura aproximada de 185 centímetros. O obxectivo da iniciativa vai máis aló da instalación dunha estatua. Preténdese crear un escenario cultural permanente no que a poesía e a palabra ocupen o lugar protagonista, convertendo os xardíns da Laxe nun espazo vivo para a celebración de recitais, presentacións literarias e outros encontros culturais.
Para facer realidade esta iniciativa, a Autoridade Portuaria cedeu o espazo onde será instalada a obra, mentres que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, e a Deputación de Pontevedra asumirán dous terzos do orzamento total.
A Asociación Cultural Évame Oroza fará fronte á terceira parte mediante unha campaña de mecenado aberta á cidadanía. As persoas interesadas poderán colaborar con achegas a partir de 20 euros a través da páxina web da entidade e recibirán diferentes recompensas en función da contía da súa colaboración.


