Nova: López Campos anuncia a incorporación do Auditorio de Marín ao circuíto autonómico de espectáculos
06/08/2026
López Campos anuncia a incorporación do Auditorio de Marín ao circuíto autonómico de espectáculos
O representante da Xunta destaca a importancia desta inclusión para que o concello pontevedrés conte cunha “programación escénica estable e de calidade”
Estas instalacións integraranse na segunda carteleira semestral, que ofrece nas catro provincias galegas 223 funcións de teatro, danza, música, circo e maxia
A Xunta coordina e cofinancia desde 1996 a Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia xunto ás entidades locais participantes
Marín (Pontevedra), 6 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a incorporación do Auditorio de Marín á Rede Galega de Teatros e Auditorios. Fíxoo durante unha visita a estas instalacións, inauguradas o pasado mes de maio, “e despois de comprobar que cumpren con todos os requisitos técnicos exixidos para integrarse neste circuíto”.
Acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o representante do Goberno galego salientou a importancia desta inclusión para que o concello pontevedrés “conte cunha programación escénica estable e de calidade”. Deste xeito, avanzou que se integrará xa na segunda carteleira semestral do circuíto autonómico, que ofrece ata finais de ano nas catro provincias galegas “un total de 233 funcións de teatro, danza, música circo e maxia, de 109 compañías e grupos”.
En concreto, López Campos precisou que o Auditorio de Marín integrarase na Rede Galega de Teatros e Auditorios con tres espectáculos. Desta forma, este circuíto permitirá gozar nas súas instalacións da obra Sen Patrón, de Pistacatro Produtora de Soños, o 6 de setembro; mentres que, o 7 de novembro, representarase O que non se ve, de Et Suseia Danza, e o 4 de decembro, Benquerer, da compañía de Fran Sieira.
O titular de cultura da Xunta salientou a “relevante contribución” da Rede Galega de Teatros e Auditorios “para a dinamización cultural ao levar unha variada carteleira de disciplinas escénicas a calquera recuncho da Comunidade”. Neste senso, puxo en valor o seu papel dentro dos obxectivos marcados pola Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “normativa pioneira en Europa para garantir tanto a creación como o acceso universal á cultura”.
Precisamente, lembrou que este ano o circuíto, cofinanciado pola Xunta e entidades locais participantes, cumpre o seu 30º aniversario, tras fundarse en 1996 ”para favorecer unha oferta estable de espectáculos, maioritariamente producidos en Galicia, desde os principais escenarios galegos”. Ao respecto, gabou a programación que integran, “na que se combinan espectáculos para público adulto e familiar, novas producións galegas, propostas de repertorio e creacións contemporáneas nun calendario coordinado de actividade que se intensifica especialmente a partir do mes de setembro”.
Finalmente, o conselleiro fixo fincapé no feito de que a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorio forma parte, durante o verán, da campaña do Goberno galego Para gustos, cultura con 3.600 propostas culturais distribuídas en máis de 200 concellos.
